Burela acolle durante o luns 7 e martes 8 de novembro unha nova edición da “Interfederativa de Confrarías de Pescadores do Cantábrico-Noroeste”, un evento que impulsa desde hai anos a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e na que participan representantes das federacións de confrarías de Guipúzkoa, Bizkaia, Cantabria, Asturias, Lugo, A Coruña e Pontevedra, así como a Federación Galega de Confrarías.
Baixo o título ‘Reflexións sobre a pesca artesanal: sostible, rentable e con futuro’, o evento serve un ano máis como foro de debate acerca de diferentes temas de interese para a frota de pequena escala. Abriu a xornada o presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, tamén presidente da Federación Provincial de Confrarías de Lugo, José Basilio Otero, acompañado do vicepresidente e da secretaria da federación, Domingo Rey e Carmen Abad.
Durante a tarde do luns os representantes dos pósitos galegos, asturianos, cántabros e vascos abordan diferentes temas de interese e preocupación común para as confrarías de pescadores do Cantábrico-Noroeste, tomando como punto de partida as conclusións da última Interfederativa, que se celebrou en Viveiro hai un ano.
O congreso, que ten lugar no Hotel Nordés de Burela, pecharase na mañá do martes con unha xornada de traballo conxunta entre representantes das confrarías e das administracións pesqueiras de España e das comunidades autónomas do cantábrico. Como é habitual, nesta reunión o sector exporá ás administracións as súas principais conclusións derivadas do traballo do luns.
Esta sesión contará coa asistencia da secretaria xeral de pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz Iglesias; a directora xeral de Pesca Sostible, María Isabel Artime García; o director xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura, Juan Ignacio Gandarias Serrano; o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Antonio Basanta; o director xeral de Pesca Marítima do Principado de Asturias, Francisco González Rodríguez; a directora de Pesca e Alimentación de Cantabria, Marta Ana López; e o director de Pesca e Acuicultura do País Vasco, Leandro Azcue Múgica.
Xa no acto de clausura do congreso, que se celebrará a partir das 12:30h, unirase o alcalde do Concello de Burela, Alfredo Llano, os representantes das organizacións de pesca de Lugo, Armadores de Burela, Puerto de Celeiro, OPP-7 do Porto de Burela e OPP-77; e outras entidades pesqueiras e económicas de ámbito local.