O Concello de Cervo vén de sumar dous novos equipos federados de voleibol, nas categorías sénior masculina e xuvenil feminina, que están integrados no Club Deportivo San Cibrao.
O rexedor, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, David Rodríguez, participaron na presentación, no Pavillón da Veiga, dos dous cadros que están conformados por 14 xogadores no caso do equipo masculino –que militará na Primeira Galega- e por 15 xogadoras no caso do feminino -que competirá na Terceira galega-. Ambos conxuntos están liderados por Samuel Donker, que participou tamén no acto de presentación, xunto co equipo técnico e o presidente do Club, Eduardo Rubal.
Villares e Rodríguez quixeron darlle os parabéns ao Club Deportivo San Cibrao e a todo o corpo técnico por ampliar así a oferta deportiva federada do municipio, dando resposta deste xeito ao interese crecente “que vimos detectando nos últimos tempos por esta disciplina xa que este último curso máis de 70 mozos e mozas practicaron volei no seo das escolas deportivas municipais”. Coa creación destes equipos federados, os únicos da Mariña neste deporte, todos estes nenos e nenas que cada ano se forman nas Escolas, “terán a oportunidade de dar no futuro o salto á competición da man do Club Deportivo San Cibrao e continuar practicando este deporte”, engadiron.
O equipo masculino do Club Deportivo San Cibrao estréase este mesmo sábado na competición como visitante ante o Club Voleibol Pontevedra, ás 19:00 horas. Pola súa banda, o cadro feminino comezará a súa liga o vindeiro 19 de novembro. O rexedor e o edil quixeron desexarlle moita sorte ao club nesta nova aventura e que desfruten moito da experiencia do xogo en equipo.