O Consello de Turismo de Galicia aprobou este luns por unanimidade o informe técnico para a declaración da Festa das Cruces de Arante de interese turístico galego.
O documento, que ten un carácter preceptivo e non vinculante, é un paso previo necesario para obter a distinción dun xeito definitivo.
Tralo acordo, corresponde á Axencia Galega de Turismo elevar a solicitude ao Consello de Goberno da Xunta de Galicia, que é o organo encargado de resolver este tipo de recoñecementos.
A Feira do Poldro e do Gando do Monte de Muras, a Semana Santa de Lugo e a Romaría de San Brais de Bembrive tamén recibiron a aprobación do Consello de Turismo de Galicia, mentres que lle foi denegada á Festa Labrega da Chaira de Guitiriz.
Na mesma xuntanza refrendouse a declaración de Pantón como municipio de interese turístico, unha vez se corroborou que cumpre as condicións recollidas no decreto 32/2015.
HISTORIA
A festa, que se celebra o luns de Pentecostés, no mes de maio, lembra a unión de varias parroquias dos municipios de Ribadeo –Arante, Ove, Cubelas e Cedofeita– e Trabada –Sante, Balboa e Vidal– durante a Guerra da Independencia, no 1809.
Os habitantes da zona saíron vitoriosos do seu enfrontamento co exército de Napoleón, comandado polo xeneral Fournier. Así, a romaxe celébrase na ermida da Virxe das Virtudes. A veciñanza de cada unha das parroquias leva unha cruz e un pendón en peregrinaxe cara o templo.
No atrio é o bandeo do pendón. Un veciño, de xeonllos, dálle sete voltas de cada lado sen que a cruz que o coroa toque o chan.
PONTE
O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, asegura que “hai que seguir traballando para non desmerecer esta festa” e lembra as deficiencias que presenta a contorna.
O rexedor indica que “a ponte de Arante e algunhas infraestruturas atópanse nun estado de conservación que non é axeitado, e teremos que promover entre os seus propietarios que as vaian arranxando para que a festa teña un lugar acorde onde celebrarse”.