IniciosociedadeAlimatou Niang Sarr, emprendedora inmigrante: "Hai que baixar ao terreo e mollarse,...

Alimatou Niang Sarr, emprendedora inmigrante: “Hai que baixar ao terreo e mollarse, non sabes se vai saír ben ou mal, aínda así, faino”

Publicada o

- Advertisement -

-Hai moito tempo que vives en Burela?

A Burela cheguei en 2012 desde o País Vasco. Eu son senegalesa, con sete avós de Senegal, como din no meu país. Cando alguén é dun lugar di que ten sete ascendencias dese sitio.

-Emigraches desde o teu país a España. Como foron os pasos que deches para vires?

Xa sabes o que din, o amor move todo e no meu caso foi así. Vin por reagrupación familiar para estar co meu exmarido e tamén viña con intención de acabar os estudos de enfermeira mais non puido ser.

-Por que non puido ser?

Pola mentalidade existente en moitos lugares e no meu país tamén. Se es muller e queres facer o teu camiño sendo un matrimonio estranxeiro trae problemas na convivencia. É a mentalidade “machista” e unha serie de tradicións das que xa non queres saber nada para poder vivir nun país europeo para poder traballar ou estudar. Así foi como dei con este muro que non me permitiu realizar os meus desexos. Como eramos dúas persoas do mesmo país quería continuar cos costumes de alá, iso nun país europeo complica un pouco a vida. Aquí tes que saír da casa para apuntarte nas oficinas de emprego, buscar traballo, sacar as contas na casa e levalas como ti cres que é mellor. Isto pode molestar á persoa que ten unha mentalidade máis “tradicional”.

-O País Vasco foi o primeiro lugar onde estiveches cando saíches do teu país?

En Lekeitio que era un lugar sen moita inmigración de fóra de Europa. Cando estaba alí apuntárame a CEAC, porque souben da formación online e comecei a moverne pola rede, apuntarme a aulas de éuscaro para adultos, español e a autoescola. Na casa xa dixen que quería escoitar todo en español, a radio, a televisión e demais para poder entender todo e tamén coas miñas amigas españolas.

Vin por reagrupación familiar para estar co meu exmarido e tamén viña con intención de acabar os estudos de enfermeira mais non puido ser

-Por que cambiaches Lekeitio por Burela?

Non estou certa, mais ás veces é a valentía interior que che di “sae da zona onde estás, onde todo o mundo de coñece e vai onde ninguén te coñece e queda aí a ver como che vai”. Non coñecía Galicia e cando vin foi mediante un coñecido quen me dixera: “Estou nunha vila, estou de paso, mais é un lugar moi tranquilo e onde hai xente de moitas partes”. Entón foi cando pensei “teño un neno pequeño e os meus aforros” pois vou para alá. Cheguei con todos os problemas que tiña, ser unha muller soa cun neno. Simplemente, vin e xa.

-Como foron os primeiros tempos en Burela?

Foi complicado. Chegas a unha casa, vas pagando cos teus aforros, ao final xa non hai máis e ves que podes acabar na rúa. Entón veste nunha situación onde non sabes que facer. Mais aquí encontrei xente marabillosa que traballa nas administracións e coñecen a túa situación, eles e elas axudáronme dándome orientación. Acabei nunha casa de acollida co meu neno e así poder comezar a traballar. A casa levábana unhas monxas que para min son como unha segunda familia. Deixaba alí o neno e logo ía limpar onde pedían e tamén vendía artesanías e perfumes. Logo pensei que se ía tendo algún ingreso, mercaba material para facer eu as miñas artesanías e así podería vendelas. Desa maneira comecei a traballar e aforrei diñeiro. As monxas falaron comigo sobre que buscaba eu e aí foi cando me explicaron que se tiña idea de montar un negocio debía ter diñeiro aforrado. Así, mentres o meu neno estaba ben coidado eu comecei a moverme, buscar onde gañar diñeiro e así podería saír para ter outra oportunidade para estabilizar a túa vida.

-Co diñeiro que aforraras montaches o negocio que tes agora?

Non, busquei casa outra vez. Había que saír de alí, ter a túa casa e seguir co teu traballo. Fixen de todo.

-Como conseguiches abrir a túa tenda, que pasos deches?

Cando comecei a traballar nos mercados, fíxeno cun señor senegalés algo maior que levaba aquí máis de trinta anos, dixo “se queres traballamos xuntos”. Eu non tiña carné de conducir, mais el si e ía polos mercados das vilas. Entón fomos movéndonos, eu mercaba o meu propio xénero e así comezamos a traballar. Isto aínda estando coas monxas. Despois el marchou a Londres e eu tampouco tiña coche, así que amañeime por min mesma. Para ir aos mercados falaba con algún amigo que me achegara. Entón chegou un momento en que pensei: “quero abrir unha tenda, é algo que me debo a min mesma”. Pensaba en ter o meu negocio xa en Senegal e dixen: “por que non?”. Conteillo á madriña do meu fillo pequeño quen me avisara dos impostos, licenzas etc. Eu dixen “tanto me ten” e aí comeceu a moverme, preguntar polos papeis, o que pedirán en Facenda e na Seguridade Social. Foi durante a pandemia que unha pastalería pequena pechara e dixen “vou coller este local”. O lugar era pequeno, falei co propietario quen me mirou e dixo: “se non che vai ben en tres meses falamos, vale”. E agora xa levo tres anos.

ás veces é a valentía interior que che di “sae da zona onde estás, onde todo o mundo de coñece e vai onde ninguén te coñece e queda aí a ver como che vai”

-Se unha persoa che preguntara que debe facer para seguir un camiño como o teu, que lle dirías?

Baixar ao terreo e mollarse. Non sabes se vai ir ben ou mal, ti faino. Diríalle que adiante, atravesar o medo, non deixarlle que te paralice. O meu pai dicía: “o muro ou a montaña que non che deixa subir estánche aprendendo a arrodealo”. Iso é bo para os negocios e para a vida.

-Como describirías a túa convivencia coa xente de Burela?

Coa xente de aquí moi ben, tamén hai persoas coas que non vai tan ben, hai de todo. Eu tiven sorte de coñecer persoas moi boas, coñecín persoas malas malísimas. Fun coñecendo xente que me apoiou e me axudou e con iso é co que quedo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...