As negociacións entre Alcoa e o comité de empresa de Cervo para actualizar o acordo de reactivación da fábrica avanzan “aos poucos”, despois das dúas xornadas de reunión esta semana en León.
Pouco máis dun ano resta para o arranque de cubas, programado para o un de xaneiro de 2024. Respecto diso, o presidente do comité, José Antonio Zan, destaca que o comité persegue “dar algunha garantía máis” ao persoal, en concreto a da planta de alúmina.
“As reunións con Alcoa son todas reunións duras, son reunións longas e está tamén o foi”, explica. “Hai moitos parámetros que estamos a negociar e vaise avanzando aos poucos”, advirte.
O sindicalista de Comisións Obreiras puntualizou que “hai varios temas que son fundamentais, como o tema de garantías, temas sobre todo de investimento do forno de cocción, que é onde había ese desvío orzamentario” que o comité avisa que non é a súa responsabilidade.
“Nós non podemos fiscalizar iso, e non temos man para dicir onde se asignan os fondos e onde non”, apostila. En calquera caso, indica que se lles ensinou un forno de cocción “que cumpría co acordado” e que o custo “sobe a 109 millóns, das 42 iniciais”.