Na conta atrás para o día de Reis, as localidades da Mariña ultiman os preparativos para as cabalgatas do sábado 5.
O Concello de Viveiro busca corenta paxes para acompañar aos magos de Oriente nas carrozas. As nenas e nenos entre 6 e 12 anos que queiran actuar como figurantes teñen que solicitalo entre mércores e xoves no Teatro Pastor Díaz, onde se lles entregará unha folla de inscrición.
Corenta nenos e nenas caracterizadas como paxes acompañarán aos Reis na cabalgata organizada polo Concello de Viveiro
A asignación das prazas farase por orde de recepción das solicitudes e crearase una listaxe de agarda para cubrir as baixas ou novas necesidades. O día da cabalgata, o Concello facilitaralles o vestiario de maneira gratuíta.
BURELA
A Sociedade Cultural Ledicia prepara a cabalgata de Burela, que sairá ás 7 da tarde do local da asociación na Rúa do Ril. O desfile culminará na Praza da Mariña xunto a un belén vivente onde os magos recibirán as peticións de nenas e nenos.
A cabalgata de Ledicia en Burela comezará cunha visita dos Reis ás persoas con dificultades de mobilidade
A continuación, os asistentes compartirán unha rosconada de Reis a prezos populares organizada polo Centro Comercial Aberto de Burela, que agochará agasallos nas racións de doce.
Antes da saída das carrozas, os Reis farán visitas especiais a persoas con dificultades de mobilidade que non poden disfrutar da xornada na rúa.
RIBADEO
O Concello de Ribadeo organiza coa colaboración da Acisa un concurso de cartas e debuxos para os Reis Magos. Un carteiro real recollerá este xoves e venres as obras e misivas das nenas e nenos.
Ribadeo organiza o concurso de debuxo Querigos Reis Magos, no que poden participar nenas e nenos ata os 12 anos
Cada participante deberá entregar o seu debuxo ou carta orixinal realizado con calquera material ou técnica. O debuxo presentarase nunha folla de papel de tamaño A4 o DIN A3, cos datos que identifiquen ao autor ou autora.
Os e as participantes optan a dous premios. O fallo do xurado darase a coñecer na Festa do Comercio que Acisa celebrará o 12 de xaneiro.
BARREIROS
No concello de Barreiros, amenizan a espera coa actuación do grupo Palimoco Teatro que representará “Queres que cho conte?” no Centro Cultural Manuel Díaz Sampedro este xoves ás 12:00 horas.
O sábado, ás 20:00 horas, abrirá ao público do nacemento vivente e celebrarase a tradicional Cabalgata de Reis, que concluirá coa chegada da comitiva ao mesmo centro cultural.