Dúas persoas resultaron feridas e tiveron que ser excarceradas tras verse implicadas nunha colisión entre un turismo e un camión na N-642 en Foz (Lugo). Segundo informou o CIAE-112 Galicia, o primeiro aviso chegou sobre as 8,00 horas deste mércores por parte de Urxencias Sanitarias-061. Na chamada indicábase que un turismo chocara contra un camión de transporte de madeira á altura do quilómetro 32 da N-642, e que dúas persoas estaban feridas.
O 112 Galicia pasou o aviso aos bombeiros de Barreiros, ao GES de Cervo, á Garda Civil, Policía Local e Protección Civil de Foz. Unha vez no punto, os bombeiros informaron de que había un segundo camión implicado no sinistro, que transportaba acedo sulfúrico, aínda que sen risco de fuga, xa que a carga non se viu afectada.
Estes efectivos explicaron que o turismo estaba a adiantar a un dos camións e que chocara frontalmente contra o outro camión. Os condutores dos camións resultaron ilesos, mentres que os ocupantes do turismo tiveron que ser excarcerados. Unha vez liberados, foron evacuados ao centro hospitalario de referencia.