Veciñas e veciños de Alfoz e O Valadouro concentráronse este martes para reclamar un servizo de pediatría para os dous concellos.
Trátase dunha demanda que manteñen desde hai máis dunha década, cando o Servizo Galego de Saúde (Sergas) suprimiu as consultas nos municipios do val do Ouro concentrando o servizo en Foz.
As nenas e nenos de cero a catorce anos teñen que “desprazarse 30 quilómetros” para seren atendidos por unha especialista que acumula “máis de 1.450 cartillas entre os tres concellos”, segundo expuxeron o alcalde alfocego, Jorge Val, e o valadourense, Edmundo Maseda. Tamén asistiu á protesta o tenente de alcalde de Alfoz, Xabier Pardiñas, dos independentes.
Os rexedores socialistas sinalaron que as familias sufren “longas agardas para unha consulta ordinaria” e que mesmo “quedan nenos sen atender“.
MÁIS DE 50 RECLAMACIÓNS
A veciñanza tamén canalizou esta demanda a través da Plataforma Sanitaria na Defensa da Sanidade Pública, que este martes levou a Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións (UMAR) ao centro de saúde de Alfoz.
“Das cincuenta reclamacións recollidas, a maior parte delas solicitaban a creación do servizo de pediatría”, explicaron desde o colectivo tamén incide no “desbordamento” do servizo en Foz, “onde unha pediatra cunha redución de xornada sen substituír” debe atender a pacientes dos tres concellos.
Outras demandas dos veciños reclaman a substitución dos médicos de familia cando piden un permiso ou baixa e o restablecemento do servizo de logopedia, eliminado hai un mes. As queixas apuntan que os usuarios e usuarias quedaron “abandonados, sen prestación, sen seren informados e con interrupcións nos seus tratamentos”.

PAROS EN ATENCIÓN PRIMARIA
Ás 12.00 horas, profesionais e usuarios uníronse á convocatoria que Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) mantén todos os martes nos centros de saúde do país, co lema “Por unha Atención Primaria Digna”.
Alfoz sumouse aos centros de saúde de Ribadeo, San Cibrao, Foz ou Viveiro cunha concentración silenciosa de cinco minutos.