InicioCulturaO enterro da sardiña, o desfile do porco ou o baile do...

O enterro da sardiña, o desfile do porco ou o baile do farolillo; singularidades do entroido na Mariña

Ao longo do século pasado, as celebracións decaeron no rural e concentráronse nas vilas con desfiles cheos de cor e humor

Publicada o

- Advertisement -

Ao longo do século pasado, o entroido deixou os camiños e as congostras polas rúas das vilas e cidades. A axenda da Mariña Lucense, nutrida de vistosos desfiles, reflicte a transformación dos festexos, con raíces en ritos ancestrais relacionados co paso do inverno á primavera e nas festas populares romanas.

O carnaval permite revolverse contra a orde establecida, ridiculizala ou invertila, e admite todo tipo de excesos. “A xente estaba desexosa de comer a carne que non comía durante o ano, porque non a tiña. E de festa. As últimas foran en setembro, despois da recollida do maíz”, explica o historiador Carlos Nuevo Cal.

“O entroido funcionou tradicionalmente unha catarse liberadora para compensar todas as carencias”, resume o cronista de Viveiro, que subliña a necesidade de contextualizar as diferentes expresións do entroido no seu momento histórico.

ENTERRO DA SARDIÑA

O acto máis significativo do entroido é o enterro da sardiña, “unha parodia dun funeral cristián, chabacana, esaxerada e cun toque anticlerical, que se extende desde Madrid ás capitais de provincias e vilas no século XIX”, explica o cronista.

As primeiras evidencias documentadas da celebración en Viveiro son da década dos oitenta. En contra do rigoroso loito doutras comitivas, os acompañantes da “defunta” saen ataviados con sábanas brancas, unha singularidade para a que non se atopou unha explicación concluínte.

As sábanas brancas distinguen o enterro da sardiña de Viveiro, documentado desde finais do século XIX

Este peculiar desfile, que se ri da vida e da morte, invoca tamén, coa queima, o poder rexenerador do lume, que entronca cos ritos máis ancestrais. Con todo, apunta Nuevo Cal “é parte dun entroido vilego máis refinado e máis controlado que o do rural”.

A desarticulación das comunidades rurais foi relegando tradicións herdeiras de antigos rituais de fertilidade como botar farelo, auga ou laranxas.

Comitiva do enterro da sardiña a finais dos anos corenta. VIVEIRO NA MEMORIA

AS MURGAS

Outro dos elementos característicos do entroido viveirense tradicional son as murgas e comparsas, especialmente creativas “nos primeiros anos do século pasado e, sobre todo, durante a República“.

As súas coplas satíricas “pasaban revista” a todo o acontecido ao longo do ano. “As parellas que vivían xuntas sen casar ou calquera outra conduta fóra da norma” protagonizaban as composicións, que tamén  facían acedas críticas ao poder.

“Os integrantes das murgas eran xente humilde, con poucos posibles económicos pero con moito humor. Moitas coplas saían das reunións nas tabernas durante o inverno”, explica o cronista.

OS ANOS ESCUROS

Trala Guerra Civil, a ditadura actuou contra as manifestacións máis subversivas do entroido. Os locais privados de lecer como o Casino serviron, en parte, como “refuxio” para as ansias de divertimento ata que, nos anos sesenta, a burguesía local chegou a un “amaño” que permitiu que os festexos volveran á rúa, pero con limitacións.

Prohibiuse calquera disfraz ou burla das autoridades militares e relixiosas, e ninguén podía saír á rúa cunha máscara que lle cubrise a cara.

Viveiro e Ribadeo mantiveron a tradición do entroido durante a ditadura

“As restricións atentan contra o sentido mesmo do entroido. Consentiuse como unha espita social para manter o sistema. Todo isto condicionou despois a súa evolución”, apunta Nuevo Cal sobre o prezo a pagar pola supervivencia.

AS MASCARITAS DE RIBADEO

A historia repetiuse en Ribadeo, onde o entroido tamén se mantivo co beneplácito das autoridades do réxime e, nomeadamente, do alcalde Pancho Maseda.

A rapazada seguiu a confeccionar as súas “mascaritas” con cartóns e “gomas de cinturilla” en talleres improvisados e completaba os disfraces con “toquillas, refaixos, camisas, pantalóns e chaquetas que atopabamos nos faiados e desváns”.

Nos 80, o entroido de Ribadeo adquiriu un novo impulso de man dunha comisión organizadoRA que quixo dar continuidade Á tRADICIÓN

“Recorriamos as prazas e rúas disfrutando das antroidadas e facendo algunha que outra trasnada”, lembraba sobre aquela celebración espontánea Afonso Rodil, un dos integrantes da Comisión que, a mediados dos oitenta, comezou a organizar os festexos.

O CACHO BICHO, DE GUINNES

Como querían, o entroido ribadense foi gañando notoriedade na contorna. En febreiro de 1988, queimouse un antroido de 13.32 metros de altura, o Cacho Bicho, que entrou no Récord Guinnes.

Certificación do Guinnes. AXM

“A xente invadiu a vila de forma incrible, non se cabía en Ribadeo”, recordaba anos máis tarde Gilberto Suárez, membro tamén daquela primeira comisión que formaron uns vintecinco veciños.

O DESFILE DO PORCO

A outra icona destas celebracións multitudinarias foi o cocho de Carnaval, que se paseaba polas rúas, nos primeiros anos tirado por un burro, e se sorteaba o domingo de Entroido.

A Comparsa do Cocho é unha das singularidades do entroido ribadense. FACEBOOK ENTROIDO RIBADEO

“Toda a xente compraba rifas. Para quen lle tocaba, a alegría non era pequena. Supuña comida para unha familia”,  comenta Francisco Iriarte, que tomou a remuda da primeira xeneración de organizadores, movido polas lembranzas da nenez. “Eu son de Figueras  e recordo que pasabamos a ría en lancha para vir ao Carnaval a Ribadeo. Era o único sitio no que había baile”, expón.

O desfile do porco, o domingo de entroido, segue a ser unha das citas máis populares en Ribadeo

Malia que o valor económico do premio xa non é tanto, a tradición pesa: as rifas para o sorteo seguen a esgotarse ano tras ano. “O domingo non hai quen non a teña”. A venda dos boletos -2.000- axuda a financiar os festexos, que se manteñen grazas á dedicación da comisión organizadora aínda que, admiten, “cada vez é máis complicado reunir xente para facer as cousas”.

A comparsa Katuxada no desfile de entroido de Foz o pasado ano. FACEBOOK CONCELLO DE FOZ

Aos entroidos das vilas históricas sumouse nas últimas décadas o de Foz que ten a cea baile de coroación da raíña como punto de inicio. Este ano, reuniu un milleiro de persoas na Sala Bahía, un espazo que leva medio século vendo medrar os festexos.

O BAILE DO FAROLILLO

Alí xurdiu o número histórico do carnaval focego, o baile do farolillo, introducido nos anos cincuenta pola familia Bahía como un reclamo máis na programación de Entroido da sala e logo popularizado como icona das celebracións.

Ao compás do ‘Vals das Velas‘, de Strauss, as parellas bailaban suxeitando, pendurado dunha variña, un farol. A luz multicor debía sobrepasar as cabezas dos bailaríns en favor da vistosidade do espectáculo. As parellas íanse retirando a medida que as velas se apagaban, ata quedar a gañadora.

A FAMILIA BAHÍA INTRODUCIU O BAILE DO FAROLILLO NO ENTROIDO FOCENSE A FINAIS DOS CINCUENTA

“Era un baile moi elegante, moi coidado, con certo luxo, no que se emulaba o ambiente dos salóns aristocráticos do romanticismo. Meus pais vírano nunha sala en Xixón e decidiron facelo aquí. A xente quedou entusiasmada”, conta Suso de Bahía.

A parella gañadora levaba como premio unha botella de champán e unhas medias de nylon, un símbolo de distinción para a época.

COR E FANTASÍA NA RÚA

O baile no interior dos locais era un divertimento inocuo en tempos nos que o entroido estaba vetado na rúas que, décadas despois, volveu conquistar, con formas novas.

Os grupos e carrozas rivalizan en luxo e fantasía ao son das comparsas, murgas e charangas. As peñas preparan o vestiario, o atrezzo e as coreografías por semanas, á espera do gran desfile.

CRISE DO ENTROIDO?

O entroido volveuse no tránsito do século pasado unha celebración máis urbá, máis oficial, máis organizada e máis estética ca de antano. “Sempre se falou de crise do entroido, xa no século dezanove, pero segue aí. Cambia porque a sociedade cambia, son momentos distintos, pero o humor segue a ser fundamental”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...