O venres abre as portas en Mondoñedo a casa museo de Álvaro Cunqueiro, no número 13 do cantón fronte á Praza da Catedral, onde o autor residiu desde finais dos corenta ata comezos dos sesenta.
O espazo “dá chaves para coñecer a Cunqueiro pero, sobre todo, é unha invitación a seguir indagando sobre el”, explica José M. Salgado, que coordinou o proxecto museístico realizado pola firma Helem Servicios Globales.
Neste sentido, adianta, a páxina web funciona como “unha extensión necesaria” do discurso expositivo, condicionado polas limitacións espaciais da vivenda e pensado para ampliar o coñecemento do escritor “máis aló dos tópicos” que limitan a súa obra á narrativa.
SINGULARIDADES ARQUITECTÓNICAS
Durante a súa restauración, comenta “o edificio descubriuse como un alter ego do autor”. No seu interior alberga desde “cimentacións romanas” ata uns “frescos do gótico tardío, con motivos xeométricos e florais, únicos nunha construción civil en Galicia“.
O edificio, “un alter ego” do autor, alberga cimentacións romanas
O deseño do espazo deixa á vista elementos arquitectónicos de distintas épocas e estilos da mesma maneira que na obra de Cunqueiro conflúen referencias á literatura clásica, medieval ou contemporánea.
No edificio, de catro plantas, conviven a restauración e os espazos expositivos. A planta baixa alberga, ademais da recepción, A Taberna de Galiana, que conta con cociña, na primeira altura, e comedor e cenador, na segunda.
“CASA VITAL”
O edificio defínese como a “casa vital” de Cunqueiro, fronte a casa natal da Fonte Vella. O autor instálase nesta propiedade familiar ao volver de Madrid, despois do “fracaso” na súa etapa como xornalista en Madrid.
A súa estancia na vivenda, en “anos tristes”, coincide, segundo os estudosos da súa obra, coa etapa “máis frutífera” en canto á produción literaria.
É a etapa na que escribe ‘Merlín e familia’, a obra a que se dedica a sala sensorial, unha estancia diáfana na que un audiovisual proxectado en dúas pantallas “somerxerá” ao visitante nos recordos de Felipe de Amancia.
A estancia de Cunqueiro no espazo coincide coa súa etapa literaria “máis frutífera”
O percorrido pola literatura de Cunqueiro continúa na segunda planta cun espazo didáctico con paneis gráficos e fotografías arredor das obras do autor, das que se expoñen diferentes edicións.
O LADO MÁIS ÍNTIMO DO CREADOR
O faiado do edificio permite un achegamento máis íntimo ao creador. Na parte exterior, con vistas á catedral, deseñouse un espazo que mostra o seu entorno familiar, con diferentes fotografías e intervencións gráficas.
O cuarto interior alberga o escritorio do autor, coa súa máquina de escribir Smith Premier 10, “o obxecto máis valioso e simbólico”, describe Salgado.
A carón, unha vitrina mostra algúns efectos persoais, entre eles, a lupa que empregou nos últimos anos ou dúas barallas de tarot das que falaba nos artigos nos que prognosticaba a sorte do Celta e do Deportivo en El Faro de Vigo.
“Non buscamos unha recreación histórica dos espazos, se non un deseño contemporáneo”
Neste espazo pode escoitarse tamén o canto do cuco que anunciaba a primavera no bosque de Silva e que o autor evocaba de forma recorrente.
A CONTRIBUCIÓN DOS FAMILIARES
“A contribución da familia foi fundamental para a creación destes espazos, non só polo material que cederon se non polas claves que nos deron para explicar a persoa e enfocar o proxecto”, apunta.
Dos fondos familiares tamén proceden retratos do escritor presentes na estancia, entre eles a reprodución dun Laxeiro.
O deseño dos espazos, sinala o coordinador do proxecto, “non responde a unha recreación histórica. Procuramos un deseño contemporáneo, acorde co que supuxo a obra de Cunqueiro para a nosa literatura”, conclúe.