Burela acollerá a manifestación central do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, na Mariña Lucense.
A mobilización, que sairá ás 20.00 horas da estación de tren, culminará a xornada de folga laboral, de coidados, estudantil e de consumo convocada polo movemento feminista, artellado arredor de Galegas 8M.
Antes, unha caravana de coches percorrerá a bisbarra para “facerse ver” e traer ás mulleres que non teñan como desprazarse. A comitiva sairá ás 18.00 horas desde O Vicedo e de Ribadeo, con parada cada media hora en todos os municipios no percorrido.
Distintos colectivos e mulleres a título individual aportaron propostas para o 8M
O 8M leva semanas xestándose. Co impulso inicial do Observatorio da Mariña pola Igualdade, desde o pasado 18 de xaneiro, desenvolvéronse na comarca máis dunha ducia de encontros locais nos que distintos colectivos e mulleres a título individual se sumaron á organización das mobilizacións.
FEMINISMO NO RURAL
“En cada cada municipio as mulleres foron quen de organizarse para visibilizar a xornada de folga e reivindicar a igualdade”, subliña Lucía Canoura, de Galegas 8-M A Mariña.
O espazo ampliouse “achegando o feminismo ao ámbito máis rural da comarca”, sinala a activista.
“Os encontros no Valadouro ou en Lourenzá reuniron tantas mulleres como en Viveiro ou en Ribadeo. Desde rapazas que estudan fóra ata mulleres de 60 ou 70 anos, interesadas sobre todo na folga de coidados e no uso dos tempos”, explica.
As propostas saídas das xuntanzas abertas organizadas nas últimas semanas encherán a bisbarra de actos de reivindicación da igualdade.
ACTOS POR TODA A COMARCA
Ademais da manifestación central, en Burela haberá desde pola mañá, na Praza de Abastos, diferentes obradoiros de debuxo, batuque, teatro ou pancartas. O local de Xebra Associaçom celebrarase un convivio.
En Ribadeo, grupos de muller informarán na vila sobre a folga feminista e convocarán para unha manifestación con saída da Praza 8 de marzo. No Cine Teatro, desenvolverase unha proxección de curtas feministas.
Os actos de reivindicación feminista estarán presentes ao longa da xornada en diferentes localidades da comarca
Viveiro comezará a xornada cunha concentración na Praza do Concello, ás 12.00 horas, que dará paso a varias actividades e xogos feministas como o trivial, o pasapalabra e a elaboración dun mural colaborativo.
En Foz, a axenda inclúe unha pintada de mandís e panos e diferentes actividades de animación na rúa que darán paso a unha concentración ás 13.00 horas.
En Xove, terá lugar unha xuntanza de mulleres ao longo da tarde.
As feministas de Lourenzá, Mondoñedo e O Valadouro prevén pendurar tendais de mandís nas prazas principais.
XOVES DE COMADRES
O calendario reivindicativo inaugurouse co Xoves de Comadres Feminista que organizaron en Viveiro os colectivos da Mariña Occidental.
3-M EN LUGO
A efervescencia do feminismo da Mariña notarase na manifestación convocada para o 3M en Lugo. Mulleres de toda a comarca viaxarán a capital da provincia, parte delas nos tres autobuses financiados polos concellos de Viveiro, Burela e Ribadeo, “coas prazas completas”.