IniciosociedadeA Xunta licita por 1,4 millóns a construción do segundo martelo do...

A Xunta licita por 1,4 millóns a construción do segundo martelo do porto de Burela

O proxecto contempla a ampliación do peirao actual en oito metros, xunto á lonxa, e a construción dun espigón de 50 metros de lonxitude

Publicada o

- Advertisement -

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, licitou este luns, cun orzamento de 1,385 millóns de euros, a obra de construción do segundo martelo do porto de Burela.

Ubicado na zona da lonxa, a Xunta de Galicia agarda que garanta un maior abrigo para frota e operatividade para as embarcacións que fan uso destas instalacións.

Así o avanzou na mañá deste luns o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, no transcurso dunha visita a esa zona do porto, na que estivo acompañado polo patrón maior de Burela, Basilio Otero, e representantes da sociedade Armadores de Burela (Absa).

Segundo explicou o Goberno galego, o martelo ten como misión fundamental reducir a axitación do interior das dársenas, ademais de conseguir maior capacidade de atraque e servir de amortiguación á ondada que excede o dique de abrigo do porto.

A iniciativa sirve tamén para completar unha primeira fase da mellora do abrigo, executada en 2010, que consistiu na construción dun primeiro martelo no peirao máis antigo.

OBRA

A Xunta proxecta unha ampliación do actual muro de peirao en oito metros, apoiado sobre a infraestrutura actual, e a construción dun espigón de 50 metros de lonxitude con peirao interior de cinco metros de calado e dique de defensa exterior en noiro con mantos de peso igual ou superior a 2.000 quilogramos. O extremo da protección exterior realizarase mediante colocación de dique en cuarto de tronco de cono.

No tocante á base de cimentación do muro, executarase previa dragaxe do fondo, ata conseguir a cota -6,00 metros.

A plataforma pavimentarase con formigón bituminoso de sete centímetros de espesor terminado e compactado previa rega de penetración de cinco quilos de dotación sobre 20 centímetros de macádam.

Presentación do proxecto. AXM

A Xunta indica que para a fabricación dos bloques de formigón de recheo da infraestrutura do peirao será necesario previamente elaborar os encofrados, que serán metálicos e conformados de forma ríxida.

As obras tamén inclúen a instalación dos elementos complementarios necesarios tales como defensas verticais, escaleiras metálicas de gato en aceiro inoxidable, bolardos de amarre, canalización de auga e enerxía, rede de iluminación con puntos de luz con tecnoloxía LED, varandas de contención en aceiro galvanizado, pintura reflexiva no cantil, dispositivos de ventilación no interior do peitoril e balizas de sinalización marítima.

A previsión do Goberno autonómico é que, despois dun mes de prazo para a presentación de ofertas e trala aprobación do concurso, se poida adxudicar a obra e empezala no vindeiro verán.

NAVE DE REDES

Ademais, o delegado territorial da Xunta asegurou que está rematado o proxecto técnico para a remodelación da nave de redes de Burela, obra que se licitaráeste ano” e que conta cun investimento previsto de 200.000 euros.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...