InicioCulturaManuel Gago: "Os guerrilleiros da Mariña inspiraron os heroes imaxinarios da novela"

Manuel Gago: “Os guerrilleiros da Mariña inspiraron os heroes imaxinarios da novela”

O xornalista presenta a súa novela 'O exército de fume' este venres na librería Bahía de Foz

Publicada o

- Advertisement -

Manuel Gago (Palmeira, 1976) presenta o venres na libraría Bahía de Foz (20.30 horas) a súa última novela ‘O exército de fume‘. Unha ficción baseada en episodios históricos, na que os guerrilleiros da Mariña Lucense tiveron un papel importante.

Quen son o exército de fume?

Exército de fume é como chamo nesta novela ao movemento de resistencia antifranquista que estivo activo en Galicia ata practicamente os anos 50. E chámolle exército de fume porque parece que desapareceron da nosa memoria a pesar de que, cando escarbas un pouco, seguen aí.

De fume tamén porque unhas das principais armas que utilizaba ese exército eran bombas de fume que lanzaban para despistar cando estaban atrapados en emboscadas pola Garda Civil.

Son protagonistas dunha trama de ficción pero nun contexto histórico no que se cruzan a Segunda Guerra Mundial e a acción da guerrilla. Como foi o proceso de documentación?

Si, como dis, a novela combina feitos históricos, ficción, e tamén un terceiro elemento, que son as lendas. En relación coa Segunda Guerra Mundial e a guerrilla, moitas veces, os feitos xa se converteron en lenda.

Non sabes onde remata a fantasía e comeza a realidade. Galicia foi un teatro de operacións relevante na Segunda Guerra Mundial pola súa situación estratéxica no Atlántico. Hai fontes bibliográficas e documentación exhaustiva a que recorrer con respecto a isto.

Para documentarme sobre a guerrilla tiven que recurrir tamén a fontes orais. A cultura popular transformou estes episodios en lenda

Tamén arredor do fenómeno da guerrilla pero, neste caso,  a información tiven que complementala, na medida en que puiden, con traballo de investigación oral, porque hai aspectos que non están recollidos na bibliografía.

A cultura popular converteu algúns destes episodios en lendas e interesoume entender ese proceso. No final da novela convido aos lectores a que eles mesmos pensen e descubran cales son os límites entre a historia, a ficción e a lenda.

INVESTIGACIÓN

Indagaches na memoria da guerrilla na Mariña?

Si, na Mariña hai unha memoria e un interese pola guerrilla. Sobre todo no Xistral pero tamén na zona máis oriental. Na homenaxe que se fixo ao “Gardarríos” en xuño en Mondoñedo, a sala estaba chea a rebentar. Teño ido a uns cantos actos arredor do mundo da resistencia antifranquista en diferentes partes de Galicia e o número de asistentes é menor. Iso fala claramente dese interese.

Na Mariña, hai unha memoria e un interese pola guerrilla. O Xistral aparece na novela como refuxio de guerrilleiros

Na miña novela, a Mariña, o Xistral, aparece en varios puntos como refuxio de guerrilleiros. Hai un momento no que o guerrilleiro protagonista, Ramallo, ten que acudir a buscar a outro ao Xistral, que se chama Regos. Vaino buscar porque é un magnífico tirador.

Aí o deixo, para quen queira mirar as relacións que hai entre este Regos e o gran “Gardarríos”. Utilicei aos guerrileiros da Mariña, homes e mulleres, para construír os meus guerrilleiros imaxinarios.

Porque optaches por personaxes imaxinarios?

Porque facilita que o lector poida coller un pouco de distancia e facilita a narración pero si quería tiveran moitos dos reais. No caso da Mariña sempre me interesaron non só o “Gardarríos”, senón as mulleres que, como desvelou Aurora Marco, acabaron involucradas na resistencia de maneira activa, que morreron abatidas, empuñando os fusís.

Por outro lado, as guerrilleiras e guerrilleiros son o eslabón dunha cadea moito máis ampla da resistencia. Sobreviviron porque tiveron un gran apoio popular. Esto tamén se recolle na novela.

as mulleres, como desvelou aurora marco, acabaron involucradas na resistencia activa

A presentación organízaa o colectivo Memoria da Mariña, que traballa na restauración da memoria dos guerrilleiros. A presenza destes personaxes na novela ten tamén esa intención reivindicativa?

Absolutamente. Aínda que hai unha certa bibliografía desde o puntos de vista histórico ou académico, na literatura do país apenas aparecen os guerrilleiros. Iso, a pesar de que sobre a Guerra Civil hai unha chea de libros, e de que as vivencias destas persoas teñen un valor literario obxectivo.

Pensei que esa ausencia revelaba certa prevención con respecto a eles. En parte, porque este fenómeno nos fala de que, no franquismo, non só houbo vítimas se non tamén xente que resistiu. Iso fai que sexan, en certo modo, unha presenza incómoda.

Os guerrilleiros apenas aparecen na literatura do país. Quizais porque son personaxes incómodos

O ARGUMENTO DOS VENCEDORES

Por outro lado, interesábame reivindicalos como heroes. Pensemos que a única diferencia entre eles e os guerrilleiros que loitaron en Francia, Noruega, Italia ou os Balcáns contra os nazis é que os nosos perderon. Pregúntome en que medida levamos algo de argumento do vencedor en nós cando non lles facemos memoria. Por iso colaboro moito cos colectivos que están interesados en recuperar esa parte da memoria.

Eu reivindico aos que considero unhas heroinas e uns heroes. Agora ben, non como os de Walter Scott. Se non como xente coas luces e as súas sombras, coas súas dificultades e coas súas xenialidades.

Ramallo, o guerrilleiro protagonista, ten medo. 

Si. Hai persoas medosas que sen embargo levan a cabo accións increiblemetne valerosas, aínda que non sexan conscientes. E tamén na novela vemos que hai xente que defende ideais moi elevados e, sen embargo, son absolutamente miserables na súa vida cotiá como Luis Pardo, o pai de Celia, a protagonista. As novelas lévannos a cuestionarnos os relatos monolíticos e simplistas e plantexarnos a realidade doutra forma.

XERACIÓNS

A novela é tamén unha forma máis doada de achegar ao público eses personaxes que definías como “incómodos”? 

Creo que si. O venres pasado nun coloquio discutiamos precisamente sobre iso, sobre que facer para difundir máis estas figuras, como chegar a máis público. Eu intentei representar aos nosos guerrilleiros como se a novela estivera escrita por un noruego ou por un francés que falara sobre a súa resistencia. E nunha época na que interaccionaron cun enemigo que todo o mundo coñece. Creo que son chaves para intentar achegar esta parte da historia a outra xente.

Creo que a novela pode contribuír a achegar esa parte da nosa historia a un público máis amplo

A xente nova por exemplo. O luns estiven nun club de lectura en Vigo. Pasamos parte da sesión falando da idea de derrota. Ao final, achegáronse dúas rapazas que me dixeron. “Chamounos a atención que lle desedes tantas voltas é derrota, porque a nos os protagonistas parecéronnos vencedores”. Serviume para pensar en que medida todo o que se nos contou, a ideoloxía que nos rodea, condiciona a nosa forma de mirar.

Falamos moito da tremoia, da construción da novela, da relación coa realidade, pero que che din sobre a lectura?

É unha novela pensada para ler na praia, antes da durmir, para disfrutar con accións. Os lectores dinme que engancha. Como escritor, interesábame demostrar que podemos construír novelas de acción e fascinantes a partir da nosa propia historia, que non necesitamos estar contando sempre un sermón.

Podemos construír novelas de acción e fascinantes a partir da nosa propia historia

Eu quero facer libros que axudando a pensar, a abrir portas e horizontes, non se desvíen do obxectivo principal que é entreter. Creo que a novela fai que a xente desfrute do pracer da lectura.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...