Alumnado da comarca aprenderá termos pesqueiros en galego na lonxa de Burela

Crianzas dos colexios Virxe do Carme de Burela, Fondo Nois de Foz e Península da Paz de San Cibrao participarán na presentación do proxecto Peque Peixe

Lonxa de Burela. AXM

A lonxa de Burela acollerá este xoves, 2 de maio, a presentación do proxecto “Peque Peixe”, que ten como obxectivo formar a nenas e nenas de tres a 15 anos na terminoloxía mariñeira e pesqueira en galego.

No acto participarán 132 nenos de sete e oito anos dos colexios CEIP Virxe do Carme de Burela, CEIP Fondo Nois (Foz) e CEIP Península da Paz de San Cibrao.

O evento conta coa colaboración de Armadores de Burela (ABSA), a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-7) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

UNIDADES DIDÁCTICAS

Para este proxecto desenvolvéronse seis unidades didácticas adaptadas a cada grupo de idades para dar a coñecer aos nenos e nenas aspectos como as profesións mariñeiras, as artes de pesca, a bioloxía do mar ou os tipos de peixes. O traballo foi realizado pola consultora galega especializada en pesca Sinerxia Plus.

Ademais da presentación destas unidades didácticas, o acto contará coa presenza de “Os Bolechas”, que serán os guías dos nenos na súa visita á lonxa para coñecer o seu funcionamento e as especies que comercializan.

SHOW COOKING

A xornada terminará cun show cooking a cargo da finalista do programa televisivo ‘Master Chef Junior‘ Ana Oca, que ensinará aos nenos varios segredos sobre como preparar o peixe e por que é bo e necesario incluílo nunha dieta saudable.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here