Mondoñedo foi este sábado o foco da espeleoloxía estatal trala inauguración do centro español de documentación espeleolóxica, que se ubicará no Pazo de San Tomé.
Coincidindo coa apertura do centro, a Confederación de Espeleología y Cañones (CEC) celebrou este sábado a súa súa asemblea xeral na cidade episcopal.
O centro aglutinará no espazo a biblioteca da Federación Galega de Espeleoloxía, así como as memorias de todas as exploracións que se fixeron en España e a documentación da antiga Federación Española.
3.000 VOLUMES
Serán preto de 3.000 volumes que serán organizados nunha primeira fase para, nun futuro, poder ser dixitalizados. Toda esta documentación estará aberta ao público, baixo solicitude previa.
DESTINO ESPELEOLÓXICO
A alcaldesa, a popular Elena Candia, asegurou que “este importante reclamo supón un gran paso para converter Mondoñedo nun referente imprescindible e de primeiro nivel como destino espeleolóxico, un dos obxectivos que sempre nos propuxemos dende o Goberno local e no que seguiremos a avanzar”.
A directora xeral de Turismo, Nava Castro, o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, acompañaron á rexedora, que subliñou que este sábado deuse “un gran paso”, que “traerá ata a cidade tanto a espeleólogos federados como a cidadáns que queiran afondar neste campo”.
Neste senso, Mondoñedo conta coa Cova do Rei Cintolo, a meirande de Galicia e acreditada como destino de turismo científico.