EFE. Foz é un dos vinte municipios galegos seleccionados pola Unión Europea para a instalación de Wifi gratuíta de alta velocidade nos espazos públicos.
Os municipios galegos seleccionados foron Abegondo, A Baña, Ordes, Pontedeume, Porto do Son, Ribeira, San Sadurniño, Valdoviño, Vedra e Vimianzo na provincia da Coruña.
Na provincia pontevedresa, os elixidos foron Marín, O Grove, Sanxenxo, Tomiño e Vigo; en Lugo, Foz e Vilalba; en Ourense, Maside, Parada de Sil e Ribadavia.
A UE seleccionou a 510 municipios españois e 3.400 de toda Europa, das 10.000 socilitudes presentadas, que recibirán unha axuda de 15.000 euros para financiar as instalacións das conexións de rede de alta velocidade, mínimo 30 megas, en espazos públicos.
18 MESES DE PRAZO
Os concellos teñen agora un prazo de máximo de 18 meses para definir o proxecto de instalación e seleccionar os espazos municipais, prazas, parques, centros culturais e demais lugares onde se vai instalar o servizo.
Esta iniciativa englóbase no programa Wifi4EU, cuxa finalidade é crear miles de puntos de acceso Wifi gratuítos nos espazos públicos das comunidades locais en toda Europa para o ano 2020. Para este obxectivo destínanse 120 millóns de euros.