O goberno local do Valadouro informou de que 45 familias sumáronse á cooperativa de vivendas sociais que impulsa o Concello, a fin de que a “xente nova” do municipio “teña acceso a un fogar digno por un módico prezo”.
O executivo municipal asegurou que está a redactar o proxecto para adaptarse á normativa vixente e sacalo a licitación, cun investimento duns 1,2 millóns de euros.
O alcalde, o socialista Edmundo Maseda, visitou o solar onde se edificarán as vivendas acompañado do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos.
O goberno provincial achegou 137.000 euros e o Concello outros 37.000 para a adquisición dos terreos, situados na esquina da Avenida da Veiga coa rúa Rosalía de Castro, cunha extensión de 2.000 metros cadrados. Nese mesmo terreo, unha empresa privada prevía construír unha urbanización ata que pechou.
Maseda destacou que se trata dun proxecto pioneiro na provincia que tentará evitar “que moitas familias no Concello con alugueiros elevados marchen a outros municipios porque co soldo que teñen non lles chega para pagalos”.
O rexedor explicou que o Concello creou “unha Cooperativa para que sexan os propios socios os que financian os pisos coas súas hipotecas e lles saia a prezo de custe”.
PRETO CO COLEXIO E O CENTRO DE SAÚDE
Segundo expuxo Maseda, o capital social total é de 3.000 euros. “Con este modelo público de vivendas familiares aos propietarios sairalles por uns 400 euros o metro cadrado, é dicir, que un piso de 120 metros cadrados estará por debaixo dos 50.000 euros. Un prezo alcanzable para calquera veciño que estea pensando en mercar unha vivenda”, argumentou.
O alcalde precisou que “xa está feita a distribución das 46 vivendas, cunha media de 120 metros cadrados cada piso, con tres ou catro dormitorios. Contarán con prazas de garaxe e trasteiros. Os domicilios estarán localizados no centro de Ferreira, co centro de saúde e o colexio ao carón”, concluíu.