O Concello de Burela anunciou que convidará de xeito oficial á Raíña Letizia a acudir á localidade o vindeiro 16 de xuño para a entrega da Copa da Súa Maxestade A Raíña de Fútbol Sala Feminino, que se vai disputar do 14 ao 16 de xuño.
O alcalde, o socialista Alfredo Llano, considera que esta visita sería “moi importante para o deporte, para a comarca da Mariña Lucense e para Burela”.
É a terceira edición que se vai desenvolver en Burela dunha competición que vén de ser nomeada como a Copa da Raíña. Así, Llano subliña que “a nomenclatura é moi clara e queremos darlle importancia e valor a este campionato. Se puidera vir e entregar o trofeo na final sería extraordinario para o deporte, para a comarca e para Burela”, expón.
NOVA XUNTANZA PARA A RTP
A vindeira reunión para a elaboración da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Burela será o vindeiro xoves, día 23, ás 11.00 horas.
Nela abordarase unha proposta inicial de cuantificación da puntuación, é dicir, que métodos se seguirán para dar a cada un dos postos de traballo unha valoración en puntos concreta, a partir da que se iniciarán as negociacións para concretar os salarios e outros puntos do convenio laboral.
Llano engadiu que “se esta reunión remata coa aceptación da forma de valorar e de realizar as propostas, iríamos avanzando xa de cara a sacar unha RPT definitiva para o noso Concello”, concluíu.