Fran Cajoto supera a Castiñeira e o BNG ten a chave do goberno en Foz

O PSOE pasa de tres a sete edís, o PP quita seis e o Bloque pode ser decisivo con tres actas, mentres que FPF perde a metade dos votos acadados no 2015

Fran Cajoto. AXM

A aposta do PSdeG-PSOE polo inxeñeiro de camiños de 35 anos Fran Cajoto resultou gañadora e o partido socialista foi a lista máis votada nas eleccións municipais de Foz.

A formación socialista obtén sete representantes na corporación municipal –partía con tres– despois de acadar 2.304 votos (890 máis ca no 2015), o 38,94% do escrutinio.

O Partido Popular (PP), cuxa candidatura encabezou o rexedor Javier Castiñeira, perde o mando do Concello despois de obter o respaldo de 1.922 focegos, 211 sufraxios menos ca nos anteriores comicios. Deste xeito, os conservadores perden as eleccións malia conseguir un edil máis, dado que o municipio contará neste 2019 con catro representantes máis (17) na corporación dos que tiña ata agora.

O BNG de Francisco Javier Fanego perde apoios -pasa de 977 a 931-, pero en cambio gaña un concelleiro, co que suma tres e pode ser chave para formar goberno.

FPF

O partido que padeceu un maior retroceso no respaldo popular foi Foz Plataforma de Futuro (FPF). O partido independente, encabezado por Luis Alfonso Sixto Legaspi e formado a partir dunha escisión do PSOE, entrou con forza na política municipal con tres concelleiros en 2015. Desta volta quita un, logo de perder case a metade dos votos colleitados daquela; tiña 1.090 e pasa a 547. Semella que a candidatura de Cajoto foi capaz de recuperar para os socialistas a confianza de moitos dos que votaron a FPF en 2015.

CXG

Por último, Compromiso por Galicia (CxG), con Damián Sánchez como líder da candidatura, obtivo 156 sufraxios, insuficientes para acadar un concelleiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here