EFE. Axentes da Policía Autonómica e forestais esclareceron dous incendios nos concellos de Moraña (Pontevedra) e O Valadouro, segundo informou a Xunta de Galicia nun comunicado.
No Valadouro, funcionarios do Grupo de Investigación de Incendios Provincial, en colaboración con axentes do Distrito VI da Mariña Lucense, procederon a tomar declaración a unha muller como presunta autora dun incendio que aconteceu no mes de abril, o día 17, no lugar de Rozas, na parroquia de Santa María de Vilacampa. O lume afectou a unha superficie arborada de 0,08 hectáreas.
Os feitos producíronse cando a investigada realizaba unha queima para a eliminación de maleza sen adoptar as medidas de seguridade preceptivas, propagándose ao monte anexo. As dilixencias polos feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Mondoñedo.