O Concello de Mondoñedo anunciou o inicio das obras de rehabilitación da planta baixa da Casa dos Coengos e a súa adecuación como Museo da Imprenta. O goberno local en funcións agarda que as actuacións, cun investimento de 47.795 euros, estean “rematadas no verán” aínda que o prazo de execución é de catro meses.
A alcaldesa en funcións, a popular Elena Candia, explica que coa obra -financiada a través dun convenio coa Xunta de Galicia– se “preténdese recuperar e poñer en valor a historia da imprenta na cidade tan ligada ao movemento cultural”.
Candia destaca que se pon en marcha un proxecto “que naceu por unanimidade e a proposta da veciñanza” e que se cumpre así unha débeda con Imprenta Sucesores de Mancebo, que “tivo a xenerosidade de ceder parte do material”.
MATERIAL
Entre o material doado por Imprenta Sucesores de Mancebo e Gráficas Lucenses e Junor, están varias máquinas de impresión de gran valor: unha plana H, Jullien 45×64 do 1872, fabricada en Bélxica; unha Minerva Hispania semiautomática 45×32; unha guillotina manual e unha linotipia.
O obxectivo é achegar a historia da imprenta en Mondoñedo de modo didáctico e comprensible para o público en xeral.
CEN METROS CADRADOS DE EXPOSICIÓN
O museo albergará medios gráficos e construtivos que servirán de apoio ás pezas e que se completarán con explicacións precisas. Imaxes, gráficos, liñas cronolóxicas e textos formarán parte dos recursos a empregar. Haberá soportes gráficos e explicativos e audiovisuais nun espazo de 100 metros cadrados que se amosarán a través dunha lectura expositiva clara e amena.
A edificación elixida para o uso museístico é a planta baixa da coñecida como Casa dos Coengos na Rúa da Imprenta, situada na parte traseira da Catedral e que fai esquina á súa vez coa Praza do Seminario. O Concello ten a cesión deste inmoble por 25 anos.
DOS PRIMEIROS LUGARES DE ESPAÑA
Mondoñedo, ademais de terra de escritores, foi unha das primeiras poboacións de Galicia e de España en coñecer a imprenta.
Calcúlase que tivo imprenta incunable no 1495. No 1550 Agustín Paz xa confeccionaba varias obras. Desde o ano 1553 ata mediados do século XIX deixou de existir, tendo que imprimirse fóra da cidade.

Cara ao 1850 créase a segunda imprenta en Mondoñedo cando José Pérez traslada á cidade unha parte importante da que tiña en Lugo, adquirida á viúva de Riesgo. En 1870 inicia a súa andadura a imprenta de Hermenegildo Mancebo, a de maior traballo durante moitos anos e que segue en funcionamento na actualidade.