InicioPolíticaBurela, pendente dun voto

Burela, pendente dun voto

Unha soa papeleta asignoulle o terceiro edil ao BNG en detrimento de Burela Sempre. A escasa marxe pon a atención no escrutinio xeral que realizará este mércores a Xunta Electoral Zonal

Publicada o

- Advertisement -

O escenario político de Burela podería variar por só un voto. Os resultados do pasado domingo asignaron seis edís ao Partido Socialista de Galicia (PSdG), catro ao Partido Popular (PP) e tres ao Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Os nacionalistas precisaron 271 votos para sumar o terceiro concelleiro, os mesmos que recibiu Burela Sempre. O “empate” desfíxose a favor da formación nacionalista por ser a que obtivo máis votos totais, tal e como marca a lei electoral.

PENDENTES DA XUNTA ELECTORAL

Pero os resultados comunicados polas mesas electorais deben ser ratificados pola Xunta Electoral Zonal (XEZ) para seren oficiais. O órgano electoral reúnese mañá no Xulgado de Primeira Instancia de Mondoñedo para realizar o escrutinio xeral, un trámite no que ten que verificar os recontos trasladados polas mesas electorais.

Os representantes das candidaturas terán dous días de prazo para presentar reclamacións, que teñen que ser resoltas antes da proclamación definitiva dos cargos electos.

A clave podería estar nos 62 votos contabilizados como nulos. Unha soa papeleta podería mudar o reparto de actas e a aritmética da corporación municipal.

“Sería unha mágoa que Silvino Oroza, que leva tanto tempo traballando por Burela e pola comarca, non estivera na corporación pero o pobo de Burela foi claro, non quere unha maioría absoluta e quere que o BNG teña máis peso e poder de decisión”, expuxo Mario Pillado, cabeza de lista da formación nacionalista que obtería un representante máis que na pasada lexislatura.

A acta nacionalista recalaría en Carlos Peinó, candidato de Burela Sempre, que entraría así na corporación. “Un concelleiro daría voz ao respaldo que recibimos da cidadanía, que non situou como cuarta forza política”, admitiu o candidato do partido de Manuel Martínez.

Peinó considera “un éxito” o resultado obtido o pasado domingo. Valora “ter acabado coa maioría absoluta do Partido Socialista”. “Non poderán facer o que queiran como ata agora, estarán obrigados a pactar ou entenderse con algún grupo da oposición”, asegurou.

LLANO QUERE GOBERNAR EN SOLITARIO

O que si é definitivo tras as eleccións do domingo é que o PSdeG perdeu a maioría absoluta coa que gobernou a pasada lexislatura, ao pasar de sete a seis edís.

Alfredo Llano, que aspira a revalidar a alcaldía, amosouse disposto “a falar cos representantes de todos os partidos de cara ao pleno de investidura” pero defende un goberno en solitario.

“Temos maioria suficiente para facelo”, expuxo o alcaldable, que forma parte da executiva galega onde, avanzou, “este mércores se empezará a definir un acordo marco de cara as negociacións dos gobernos municipais”.

“Nuns sitios será necesario integrar outras forzas e noutros non”, argumentou Llano que equiparou o caso de Burela ao de Foz ou Barreiros, onde as forzas máis votadas, o PSdG no concello focense e o BNG no barreirense, quedaron a dous e un edil da maioría absoluta.

O socialista admite, iso si, que “os resultados obrigan a gobernar de forma participativa, buscando acordos non asuntos importantes”.

BNG E PSOE FORMARON COALICIÓN EN 2007-2011

O BNG de Burela tamén posterga pronunciarse sobre unha posible negociación. “Ata a vindeira semana non comezaremos a falalo nos órganos de decisión do partido, na asamblea local e comarcal”, explicou Pillado. O PSdG e o BNG xa gobernaron Burela en coalición entre 2007 e 2011.

MODIFICACIÓN DO ESCENARIO

De entrar Galicia Sempre na corporación, o escenario político de Burela modificaríase substancialmente e non só coa entrada dun partido cun par de meses de vida na corporación, senón que tamén gañaría enteiros a anunciada intención do PSdeG-PSOE de gobernar en solitario.

Llano podería buscar indistintamente o apoio de nacionalistas ou do partido creado polo deputado provincial non adscrito Manolo Martínez, xa que coa suma dos edís socialistas e dos de calquera destas dúas formacións políticas obtería unha maioría coa que sacar adiante as súas iniciativas. O PP contará con catro concelleiros.

Manter un terceiro concelleiro daríalle ao BNG forza ante o partido máis votado e aumentaría as posibilidades de que Burela tivese durante os vindeiros catro anos un goberno de coalición.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...