O Pescados Rubén Burela FS confiará de novo o timón do primeiro equipo masculino a Juanma Marrube, despois da brillante tempada 2018-2019, que lle valeu ao cadro burelao o regreso á Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS). Así, o técnico alfocego pilotará a nave laranxa tamén na máxima categoría.
Marrube e mailo club xa traballan no novo proxecto que competirá entre os mellores equipos do mundo do fútbol sala no curso 2019-20, tras pechar os últimos detalles da renovación do técnico coa entidade laranxa para a vindeira tempada.
“Estou moi contento por seguir no club. Preséntase un horizonte moi bonito, pero ao mesmo tempo moi complicado. Regresamos á Primeira División, unha das máis duras das últimas tempadas; creo que vai haber unha competencia brutal” explica ‘o Mariskal‘, primeiro xogador franquicia da entidade laranxa e despois técnico exitoso que foi quen de acadar o ascenso.
📹🗣️ Escuchamos al presidente naranja, Manuel Blanco, y a @juanmamarrube, que por tercer año consecutivo capitaneará la nave burelista, con la diferencia de que esta temporada lo hará en la máxima categoría de la @LNFS.#Burela #Futsal #OrgulloLaranxa #LNFS #FutsalHeart🧡 pic.twitter.com/WLgLuNKFCv
— PescadosRubén Burela (@burelafs) 29 de maio de 2019
A esa experiencia e fidelidade refírese o presidente do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco, quen afirma que “dende hai tempo xa o tiñamos claro. Juanma é unha peza imprescindible deste proxecto. Levamos dous anos traballando xuntos e é unha persoa da casa, coñece á perfección o club e a nosa base”.
“MANTERASE O BLOQUE”
Sobre o novo Burela FS, Blanco argumenta que “a nosa aposta é clara, xogadores da casa, galegos e sobre todo xente traballadora. Sabemos que temos un reto moi complicado por diante e a mellor forma para afrontalo é manter a filosofía destas dúas últimas tempadas”.
O adestrador alfocego lembra que “vai ser un cambio moi grande. Pasamos de ser campións de Segunda a ser o máis novo en Primeira. Co descenso, o club reestruturouse e planificouse cun bloque de xogadores con moita xuventude e experiencia, preparado para volver á máxima categoría. Estamos a formar un grupo sólido, ordenado e traballador. Maioritariamente o bloque manterase, aínda que como marca a lei natural do deporte haberá algún cambio, que sempre é necesario”, expuxo.