Ata o 20 de xullo estará aberto o prazo de presentación de traballos á terceira edición de Amarte, Certame Internacional de Pintura Mural, que está a converter o muro portuario de Burela nun espazo creativo.
O proxecto, impulsado pola Delegación de Cultura, transformou cun sentido estético o centro económico da vila. Nel deixaron a súa firma creadores con perfís tan diversos como o artista multidisciplinar de Viveiro David Catá, o escultor de Ortigueira Martín Cal ou o grafiteiro Marcos Pereira.
Pereira, natural de Lugo, gañou a primeira edición con ‘Naufraxio’ e quedou segundo o ano pasado con ‘Deserto de area‘.
“As dúas teñen bastante colorido e elementos da banda deseñada, que son características habituais nos meus debuxos, pero a primeira é un pouco máis clásica, representa un fondo mariño cun barco fundido. Na segunda, tentei darlle unha volta ao tema proposto e pintei un deserto coa vida mariña reducida ao interior dunha botella”, expón o artista.

A convocatoria marca como temática “o mundo do mar”. Os autores presentan os bosquexos das obras e un xurado selecciona entre elas as dez finalistas, que se pintan sobre o muro na primeira semana de agosto, coincidindo coa Feira do Bonito. Este ano os artistas traballarán no porto do 1 ao 4.
“A experiencia foi xenial nos dous casos, tanto a nivel creativo como persoal. Hai xente traballando con técnicas moi diferentes. Sobre todo na segunda edición había moitos rapaces do mundo do graffiti, que é o que máis me tira”, comenta Bure -o nome coa que firma as súas obras -, disposto a participar por terceira vez. “Aínda que só sexa para pasarme por alí. Como espectador podelo disfrutar doutra forma”, expón.
O GRAFFITI COMO PROFESIÓN
“O único problema é que se celebra nunha época de bastante traballo, polo bo tempo”, conta o artista lucense, que converteu un hobbie da adolescencia nunha saída profesional a través da empresa Concepto Circo.
“Temos moitos encargos de negocios, desde tendas de pintura, ata locais de hostalería, tendas, ximnasios, incluso de comunidades de veciños para decorar espazos comúns, e tamén de particulares. Todo o que poidas imaxinar”, comenta.
“Cando comecei, nos 90, o graffiti era unha novidade, algo reducido a pequenos círculos. Aprendemos de forma autodidacta, pintando xunto a outras persoas. Segue a ser un mundo moi atractivo para parte da mocidade. Cando traballamos con eles, nalgún obradoiro, o que máis os sorprende é a dificultade que ten controlar o spray“, advirte.
RESISTEN O PASO DO TEMPO
En Amarte, os artistas teñen un máximo de catro días para realizar o seu debuxo no muro portuario á vista do público. “Facemos moitos traballos na rúa con presenza da xente. Por outra parte, pintas a certa altura e ás veces moi concentrado no debuxo polo que non sempre es consciente da atención que se pode xenerar”, expón o artista.
Malia quedar á intemperie, as obras resisten ben o paso do tempo. “Hoxe en día a pintura de spray e de moitísima calidade. Se o muro non sufre humidades ou problemas de deterioro pode durar máis de dez anos sen apenas notarse”.
NOVIDADES: PREMIO DO PÚBLICO E ILUMINACIÓN
O concelleiro de cultura, José Díaz, anunciou que este ano, como novidade, se creará un premio ao público que “poderá votar” as diferentes creacións.
O edil tamén avanzou que, tras as intervenciós deste verán, se instalará na zona unha iluminación que manteña as pinturas visibles durante a noite.
Despois de dúas convocatorias, o muro portuario conta con vintedúas obras. Ás dos dez finalistas de cada ano, engádense a do deseñador Marc Taeger, convidado na primeira edición, e a do ceramista Otero Regal, que apadriñou a segunda.