O Colectivo Cultural Buril anunciou este martes a súa disolución despois de 36 anos de vida. A asociación formalizou a súa baixa en maio pasado e despídese agora “coa esperanza de ter sido unha ferramenta útil e de ter contribuído a encher un oco no asociacionismo cultural en Burela“.
Así o expresan nun comunicado no que tamén dan conta da doazón do seu patrimonio económico a entidades de carácter social con presenza en Burela como a Asociación Camiña, a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña ou AFAN.
O Concello encargarase da custodia dos seus fondos documentais, que se conservarán polo interese que poidan ter para o estudo do asociacionismo e da historia local como solicitaron as socias e socios do colectivo antes da disolución.
ACTIVIDADES
O último acto organizado por Buril foi o Maratón de Leitura Manuel María, que se celebrou en maio de 2016.
Nos últimos tres anos a asociación cesara a actividade á espera de atopar un relevo na xestión que, finalmente, non se deu.
Ata daquela mantivera un labor continuada a prol da cultura con iniciativas como a publicación da revista “O Trasno”, do libro fotográfico “Burela na memoria” ou do documental “O Entroido na memoria”.
Ademais, contribuíron a axenda cultural de Burela con citas como as Xornadas de Teatro ou as Xornadas de Historia Local, entre outras iniciativas.
No 2009, presentaron aos partidos políticos da corporación municipal unha proposta para retirar o nome Eijo Garay dunha rúa da vila sen éxito.
Na última década realizaron diferentes actividades vinculadas á lingua desde unha perspectiva reintegracionista.