A Queimada Popular de Cervo, a celebración de San Caetano en Celeiro de Mariñaos, coa degustación dunha tortilla xigante, e o festival de música alternativa Osa do Mar de Burela animaron a fin de semana na Mariña Lucense.
Cervo recoñeceu e combateu un ano máis o lado máis escuro da humanidade na 41 edición da Queimada Popular, Festa de Interese Turístico Galego. Sabela Blanco, Carla Díaz, Eva Martínez, Chus González e Raquel Blas encargáronse de dirixir a escenificación da loita entre o ben e o mal, simbolizado polas meigas.
Centos de persoas acudiron á Praza do Souto para ver a representación desta batalla, que se recrea de diferente forma cada ano. Nesta edición, as bruxas e mailo diaño corromperon ao alcalde e mailo párroco para desatar o caos no pobo de Cervo. Finalmente, coa axuda do bruxo e do conxuro, o pobo escorrentou os seres malignos para dar comezo á degustación da pócema.
Pola mañá, no vixésimo terceiro Mercado Tradicional, houbo unha ampla oferta de artesanía e gastronomía realizada en moitos casos pola propia veciñanza, vestida ao xeito das primeiras décadas do século XX.
MESTRES DA TORTILLA EN BARREIROS
En Barreiros, seis parellas participaron no concurso Master Tortilla da romaxe de San Caetano, que levaron Rafa e David. Unha receita xigante deu de comer a centos de comensais en Celeiro de Mariñaos.
En Burela, o festival Osa do Mar ofreceu ritmos alternativos coma os de Carolina Durante.
Centos de persoas desfrutaron dos concertos que ofreceu o festival durante toda a fin de semana en distintos escenarios da vila, tanto á hora do vermú como pola tarde e nas actuacións nocturnas da Praza do Concello.