InicioMovementos SociaisUn rapaz impulsa unha campaña para que Alfoz e O Valadouro manteñan...

Un rapaz impulsa unha campaña para que Alfoz e O Valadouro manteñan o seu instituto

Un total de 1.482 persoas respalda a pelexa de Pedro López Morillo para que o centro, onde só se imparte a Eso, ofreza tamén titulacións de FP

Publicada o

- Advertisement -

Para que os municipios de Alfoz e Valadouro tivesen un Instituto de Ensino Secundario (IES) houbo que pelexar. Para mantelo tamén fará falta loita. Así o cre Pedro López Morillo, un mozo do Val do Ouro que vén de convencer a 1.482 veciños destes dous concellos -a cifra segue en aumento- para que respalden a demanda de novas titulacións que aseguren a pervivencia dun centro no que só se imparte Ensino Secundario Obrigatorio (Eso).

López Morillo entregará o vindeiro venres na Consellería de Educación as case 1.500 sinaturas, que supoñen preto da metade da poboación dos dous municipios. Xunto coas firmas, unha instancia describirá o motivo da demanda.

O primeiro obxectivo é asentar o instituto, con 74 alumnos, sobre o que planeou a ameaza de peche en varias ocasións. Trátase dun dous poucos de Galicia e do único da Mariña Lucense que non conta con Bacharelato nin con ciclos de Formación Profesional (FP).

A FALTA DE OFERTA, CONDENA

A falta de oferta, sinala López Morillo, é unha condena para o centro. “É normal que non haxa moito alumnado porque varias familias optan por matricular aos rapaces en Foz ou Burela para que non teñan que cambiar de centro ao rematar cuarto da Eso. É un círculo vicioso do que será moi difícil saír”, argumenta.

Dese xeito, a plataforma veciñal impulsada polo rapaz aspira a que se concedan titulacións relacionadas coa economía local -ciclos de éolicos, por exemplo, cun peso importante no Val do Ouro, ou tamén de carpintería– ou aquelas que non se poden estudar na Mariña Lucense por falta de oferta, como parafarmacia, unha formación que se imparte en Lugo.

FIXAR POBOACIÓN, UNHA OPCIÓN

“Buscamos horarios flexibles, que permitan atraer a outro tipo de público, para que xente adulta -non só rapaces de 16 a vintepoucos anos- teñan outra posibilidade. Horarios que permitan atraer a outro tipo de público. Persoas que traballen e estuden ao mesmo tempo”, explica López Morillo, que fai fincapé en que as novas titulacións permitirán “captar poboación e fixala” no Val do Ouro, “se quenes veñan estudar poden atopar unha saída laboral aquí e quedarse en Ferreira ou Alfoz”.

A campaña comezou a finais de abril. “Pensei que era boa idea inicialo xusto na campaña electoral”, explica o mozo, que precisa que “o proxecto está indo moi ben. O IES está a recuperar profesorado que perdera, pois por primeira vez en dez anos contamos cun especialista en lingua castelá e literatura, e agora temos tres docentes novos, o que considero que ten que ver con este movemento. É unha chiscadela que nos fixo a Xunta e que valoramos”, indica.

Na última reunión, celebrada o pasado venres, acordouse iniciar os trámites necesarios para solicitar formalmente á Xunta de Galicia que se impartan no IES Alfoz-O Valadouro novas formacións que contribúan ao seu asentamento. “É un centro moi novo, cunhas instalacións de calidade, que está moi desaproveitado”, indica López Morillo, que conta co respaldo dos gobernos locais e tamén das forzas políticas da oposición de ambos municipios.

A POBOACIÓN “NON É EXCUSA”

O mozo, que cursa en Vigo Tradución e Interpretación, entende que a falta de matrícula “non é excusa” para o “desprezo” que padece o instituto. “O Valadouro e Alfoz reúnen entre os dous municipios case 4.000 habitantes. Mondoñedo ten esa mesma poboación e hai máis oferta. Pero é que en Ourense hai hai concellos de 1.500 persoas que ofrecen ciclos mesmo bilingües”, indica.

“Cando acabei de estudar no colexio do Valadouro, había 88 alumnos. Agora hai 151. Estase a producir un repunte da poboación, así que, á vista dos datos, ese argumento non se sostén”, conclúe.

Por esta razón, López Morillo cre que o Bacharelato é, máis a medio prazo, un obxectivo posible. “A día de hoxe non saen as cifras, pero o número de alumnos está a aumentar sen parar no Valadouro. Así que seguro que será viable algunha especialidade, sexa a que sexa, polo menos dun tipo”, salienta.

“REVIVIR O ESPÍRITO DOS 90”

O mozo chegou ao Val do Ouro procedente de Monforte no 2011, pero está ben enterado da historia local. “Queremos revivir o espírito dos 90, porque este movemento dalgunha maneira xa existiu cando se abriu o centro. A idea é xuntar ás persoas que loitaron daquela pola súa apertura coa xente que loita agora porque se manteña”, sinala o mozo, que pretendía ser unha ponte entre xeracións e abofé que o está a conseguir.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...