IniciosociedadeA Xunta executa o recorte dun técnico na ambulancia medicalizada da Mariña

A Xunta executa o recorte dun técnico na ambulancia medicalizada da Mariña

O PSdeG-PSOE rexistrará mocións en todos os concellos mariñaos para que os gobernos locais insten ao Sergas a restituír o posto suprimido e o servizo de 24 horas na asistencial focega

Publicada o

- Advertisement -

O PSdeG-PSOE anunciou este luns que rexistrará mocións en todos os concellos da Mariña Lucense para que os gobernos locais insten á Xunta de Galicia a restituír o Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) suprimido na ambulancia medicalizada da bisbarra, con base en Foz. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) executou o pasado 16 de outubro o recorte anunciado, polo que a Unidade de Vixilancia Intensiva (UVI) móbil da comarca conta agora cun único TES.

A secretaria provincial dos socialistas lucenses e deputada autonómica, Patricia Otero, expuxo que “desde o día 16 de outubro a ambulancia medicalizada da Mariña traballa con un só TES” despois de “nove anos traballando en igualdade de condicións que o resto de UVIs móbiles da xeografía galega, sendo a única de Galicia que sofre o recorte de persoal“.

Otero lembrou que este mesmo mes defendeu no Parlamento de Galicia unha iniciativa coa que reclamou recuperar ao persoal recortado na ambulancia medicalizada, así como o servizo 24 horas na ambulancia asistencial de Foz. “Pero só tivemos unha resposta clara e contundente de Feijóo, que foi o non do PP para manter a calidade de vida das nosas veciñas e veciños”, insistiu.

POSICIONAMENTO PÚBLICO

Así as cousas, Otero avanza que o PSdeG-PSOE “seguirá defendendo os intereses de todos e cada un dos mariñaos”. Deste xeito, os socialistas rexistrarán en todos os municipios da Mariña Lucense mocións para reclamar á Xunta a reposición do segundo técnico da ambulancia medicalizada, e tamén o servizo de 24 horas no vehículo asistencial con base en Foz.

Na proposta socialista reclámase o posicionamento público do Pleno en contra dos recortes dos servizos de urxencias. O acordo pasa por “instar á Consellería de Sanidade a que repoña a dotación da ambulancia de Soporte Vital Avanzado da Mariña (AM-752), quedando formada por dous TES, un DUE e un médico“. Tamén pola reposición do horario na ambulancia de Soporte Vital Básico con base en Foz (A-875), volvendo a estar dispoñible as 24 horas do día.

OTERO: “NON SOMOS CIDADÁNS DE SEGUNDA”

Otero advertiu que a folla de ruta en materia sanitaria na Mariña está “protagonizada polos recortes”. Nesa liña citou como exemplos “o abandono de centros de saúde, a supresión da área sanitaria ou a perda de persoal que provocou o progresivo deterioro da capacidade asistencial na atención primaria”.

As veciñas e veciños da Mariña merecemos unha sanidade pública de calidade, non somos cidadáns de segunda. Queremos vivir nas nosas comarcas e nas nosas vilas sen discriminación, por iso, Feijóo ten que reaccionar e abrir os ollos ante esta desfeita sanitaria que el mesmo provocou”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...