Denuncian o “precario” estado dos ordenadores utilizados en enfermería para prescribir a medicación

A CIG alerta de que dos catro dispositivos existentes en Medicina Interna do Hospital da Mariña para aplicar o programa Silicon, tres teñen o teclado avariado

Teclado. AXM

CIG Saúde A Mariña denunciou este luns a situación das profesionais de enfermería da unidade de Medicina Interna do Hospital Público da Mariña que traballan co programa informático Silicon para prescribir a medicación. “O problema”, expón a central, “radica en que a implantación do devandito software non está acompañado polas necesarias medidas de materiais informáticos en condicións”, neste caso ordenadores portátiles para facilitar o traballo.

O sindicato nacionalista alerta de que das catro computadoras portátiles existentes para prescribir, administrar e rexistrar a medicación, tres dispositivos “teñen o teclado estragado. A Xerencia do Hospital da Mariña deféndese dicindo que non hai diñeiro para renovar os computadores e a única solución que achegaron foi poñer encima dos portátiles teclados normais”, explica a CIG-Saúde.

Para evitar que se cambaleen e caian o propio persoal tivo que poñer soportes (caixas) e suxeitalos con esparadrapo. Unha situación impropia dunha sanidade pública galega do século XXI”, denuncian.

O programa Silicon permite evitar o papel no proceso de prescrición e administración de fármacos dentro do hospital “pero a súa implantanción ten que ir acompañado de computadoras portátiles en perfecto estado”. Por iso, a central esíxelle ao Sergas a renovación inmediata dos dispositivos, lembrando que o software é “a única ferramenta informática para prescribir, administrar e rexistrar a medicación“.

PIDEN A RENOVACIÓN DOS EQUIPOS

A este respecto, a CIG lembra que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) fixo público non hai moito tempo un investimento para renovar o parque de computadores e impresoras, “mais a realidade é que á precariedade laboral da enfermería no noso hospital, agora témoslle que sumar a obsolescencia informática”, sinalan.

Desde CIG pregúntanse se estes son os máis e mellores servizos e a “alta tecnoloxía” que o Partido Popular anunciou para o Hospital da Mariña e “onde están os cartos prometidos” para a renovación dos equipos informáticos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here