IniciosociedadeCinema, maxia, andainas ou 'Os Bolechas' para concienciar sobre as violencias contra...

Cinema, maxia, andainas ou ‘Os Bolechas’ para concienciar sobre as violencias contra as mulleres

Viveiro, Ribadeo ou Lourenzá presentaron os actos programados con motivo do 25-N

Publicada o

- Advertisement -

A Mariña encherase de actos para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia cara ás Mulleres. Repasamos o programa de actividades anunciado polos concellos da bisbarra. 

VIVEIRO

O Concello de Viveiro adhírese un ano máis á campaña ‘En negro contra as violencias’ e ten programadas diferentes actividades para concienciar á veciñanza e dar visibilidade á loita contra a violencia machista.

Na mañá deste mércores celebrouse no consistorio unha reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, presidida pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a subdelegada do goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, na que se explicaron aos axentes sociais e educativos as actividades previstas.

MARCHA NOCTURNA

A alcaldesa, María Loureiro, e a concelleira de cultura, Lara Fernández, presentaron tamén en rolda de prensa as actividades, entre as que destaca a ‘Marcha nocturna’ do próximo luns, 25 de novembro, con saída desde Os Castelos (Covas) ás 21.00 horas e chegada á Praza Maior, onde se lerá un manifesto reivindicativo.

O Concello convida a participar a toda a cidadanía nesta marcha, vestida de negro ou color oscuro e portando unha lanterna. Tamén haberá un apagón simbólico do alumeado da ponte e da Praza Maior. Durante ese mesmo día, o 25-N, está prevista unha acción de sensibilización nas rúas de Viveiro para remover conciencias e impulsar a loita contra a violencia de xénero.

Como nas dúas edicións anteriores do 25-N, este ano realizouse unha invitación ás asociacións de comerciantes, tanto de Viveiro como de Covas, así como ás empresas de maior tamaño do concello e aos centros educativos para participar na campaña, realizando actividades e fomentando a iniciativa coa descarga libre do material.

Ofreceuse ademais, desde a concellería de Muller e o CIM, a coordinación entre as actividades que teñan preparadas os distintos axentes para a conmemoración. O programa inclúe a presentación do libro ‘Os Bolechas van a Viveiro. Si á Igualdade, Non á Violencia’, e o posterior reparto de exemplares entre os centros educativos do concello para que traballen a temática.

Finalmente, o martes 26 de novembro o Concello de Viveiro acollerá un acto do Observatorio da Mariña pola Igualdade, que consistirá na proxección da película ‘Todas as mulleres que coñezo’ e posterior coloquio coa súa directora, Xiana do Teixeiro (sala multiusos do consistorio, ás 20.00 horas).

MESA LOCAL

Na mañá deste mércores celebrouse no consistorio unha reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, presidida pola alcaldesa e a subdelegada do goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, na que se explicaron aos axentes sociais e educativos as actividades previstas.

RIBADEO

Ribadeo celebrará o 25 de novembro cunha andaina que partirá ás 11.00 horas do aparcadoiro municipal, percorrerá varias rúas e lugares emblemáticos da vila e rematará no Cargadoiro, onde terá lugar a lectura dun manifesto e onde na tarde deste mércores se presentou a campaña ‘Camiña Segura, Ribadeo En Negro‘. Ao acto asistiu a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra.

SEGURIDADE NAS RÚAS

O lema, que remite á campaña realizada polo Concello para previr violencias machistas no Camiño Norte e animar ás mulleres a viaxar soas, pon o foco en que “a violencia e falta de seguridade das mulleres e mozas nas rúas é unha violencia de xénero cada vez máis denunciada na nosa sociedade. Queremos que o noso concello sexa un sitio onde se sintan seguras ao ir á casa, sexa a hora que sexa, onde as peregrinas que pasen por Ribadeo e vaian soas o fagan coa tranquilidade de que están nun entorno seguro”.

“Xa temos confirmada a asistencia de todos os centros educativos, aproximadamente unhas 500 persoas, e facemos un chamamento para que se una quen queira, xa que é unha convocatoria aberta ao conxunto da cidadanía”, expón a edil.

LOURENZÁ

O Concello de Lourenzá programou varias actividades que se desenvolverán este domingo, día 24, no pavillón polideportivo municipal a partir das 17.00 horas. Os actos foron presentados pola alcaldesa, Rocío López; a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Dengra; a concelleira de Deportes, Sonia Gavino; e a adestradora da sección de patinaxe das Escolas Deportivas Lourenzá, Tania Irimia.

Proxectarase o spot sobre violencia de xénero gravado o ano pasado e no que participou a veciñanza de Lourenzá. A continuación haberá un espectáculo de maxia e igualdade titulado ‘Igualdade, onde estás?‘ da man da ilusionista Fani de Triana. O broche de ouro poñerao a sección de patinaxe das escolas deportivas, que fará unha representación que leva por título ‘Di non á violencia de xénero‘.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...