O Pescados Rubén Burela FSF derrotou na mañá deste domingo ao Bilbo FS (2-7) cunha Jenny Lores estelar e segue a súa loita pola primeira praza, que defende o Atlético Futsi Navalcarnero. O cadro madrileño mantén unha renta de cinco puntos sobre o cadro da Mariña Lucense, despois de gañar con solvencia a un rival complicado, o Ourense Envialia (5-2).
Peque e Luci adiantaron ás visitantes nos minutos 6 e 14, pero as locais chegaron con vida ao descanso grazas a un gol de Andrea.
Á volta dos vestiarios, Almu empatou o encontro. Daquela emerxeu a figura de Jenny Lores, que decidiu o encontro co seu hat trick particular ata o 2-5, entre os minutos 30 e 34. Ale de Paz, no 36, e Jenny Santos, nos últimos compases, completaron a goleada.
DERBI EN POIO Á VOLTA DAS VACACIÓNS
O Burela FSF vaise de vacacións cos deberes feitos e volverá á competición o 11 de xaneiro, cun interesante derbi na pista do Poio Pescamar.
CILENE, CAMPIOA DE AMÉRICA
A peche brasileira do Burela FSF Cilene pechou ao grande o periplo en Copa América con Brasil, alzándose co título de campioa o venres ante Arxentina (4-1).