Seiscentas racións de pescada do pincho de Burela, regalo de Reis para doce residencias

OPP Lugo e Absa retoman a súa acción social, da que se beneficiarán o centro burelao e os de Cervo, Foz, Mondoñedo, A Pontenova, Ribadeo, O Valadouro, Viveiro e Xove

Pescada do pincho de Burela. AXM

A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e Armadores de Burela, S. A. (Absa) volven celebrar por estas datas de Nadal a súa acción social a través da cal distribuirán esta fin de semana 600 racións de Pescada do Pincho de Burela entre os centros da terceira idade do norte de Lugo como regalo de Reis.

Esta acción social que a OPP Lugo e Absa ofreceron á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia é “a guinda” á súa campaña de promoción da pescada do pincho de Burela, que finalizará a próxima semana coa presentación do calendario 2020 “Eu Como Peixe”, no que se lanzan doce mensaxes de fomento do consumo deste produto como hábito saludable de vida, acompañadas doutras tantas imaxes das principais especies da lonxa burelá.

A doación consiste en 600 racións de Pescada do Pincho de Burela que se repartirán na Mariña Lucense en 12 centros de maiores, entre residencias, apartamentos tutelados ou vivendas comunitarias; situadas en Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, A Pontenova, Ribadeo, O Valadouro, Viveiro e Xove.

A merluza será entregada para celebrar a comida do día de Reis tal e como demandaron desde cada un dos centros: pezas enteiras e cortadas en lombos, filetes ou rodaxas.

ESPECIE PRINCIPAL DA LONXA BURELÁ

Sergio López, xerente da OPP Lugo, destaca que “a pescada do pincho é a principal especie comercializada na lonxa de Burela, tanto en descargas como en ventas. Desde a OPP Lugo e ABSA acordamos facer esta doción como un bonito regalo de Reis para que tódolos nosos maiores nas residencias da Mariña Lucense a poidan saborear”.

Esta acción englóbase dentro das accións de promoción da OPP Lugo incluídas no seu plan de produción e comercialización anual e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here