O feminismo galego concentrarase o vindeiro luns en repulsa polo asasinato acontecido na parroquia de Crecente, no municipio da Pastoriza, onde un home de 82 anos supostamente matou a súa muller, Manuela Iglesia Fernández, de 79, para suicidarse despois.
Segundo fontes próximas á investigación, “todo apunta” a que se trata dun asasinato machista, que sería o primeiro feminicidio na comunidade galega e o sexto documentado en España no 2020. O cádaver de Manuela deixaba ver sinais de violencia, como un golpe na cabeza e tamén coiteladas.
21 CONCENTRACIÓNS EN GALICIA
O Observatorio da Mariña Pola Igualdade convocou unha concentración o luns en Ribadeo, baixo o lema ‘Alerta feminista: nin unha menos‘. A protesta será ás 20.30 horas, na Praza 8 de Marzo. Será un dos 21 actos reivindicativos programados en Galicia por este motivo.
EN BURELA, ACTO O MARTES
O vindeiro martes, ás 12.00 do mediodía, terá lugar en Burela, na Praza do Concello, unha concentración para amosar a repulsa polo crime machista ocorrido o pasado sábado no municipio da Pastoriza.