IniciosociedadeA edil do goberno de Foz Verónica Peña renuncia á acta tralo...

A edil do goberno de Foz Verónica Peña renuncia á acta tralo conflito entre a súa empresa e o Concello

O centro de día Aloumiños, da que a ex concelleira é copropietaria, denunciara "competencia desleal" por parte do servizo municipal;

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Foz informou este luns a través dun comunicado de prensa da demisión da concelleira Verónica Peña, delegada de muller, igualdade e inmigración, despois de que a empresa Aloumiños, da que é copropietaria a ex edil socialista, denunciase que o centro de día municipal, adxudicado a Innovación y Desarrollo Asistencial (Idea), “incumpre as condicións do contrato” autorizado pola Xunta de Galicia.

O pasado 24 de xaneiro, venres, Aloumiños afirmou que o centro de día privado que ostenta padece unha situación de “competencia desleal” ao prestar servizo a instalación municipal sábados e domingos, ademais de ceas, cando segundo o contrato só pode dispensar o almorzo, comida e merenda de luns a venres para as 40 prazas dispoñibles.

Segundo expuxo o alcalde, Fran Cajoto, a edil focega presentou a renuncia á súa acta o pasado día 22 (mércores), un día antes da denuncia pública formulada pola empresa. O Partido Popular (PP) focego solicitou este mesmo luns un pleno extraordinario para aclarar o que ao seu xuízo é “unha imoralidade”.

O PP SOLICITA UN PLENO EXTRAORDINARIO

O voceiro do PP focego, Javier Castiñeira, lembrou que “o máximo responsable da xestión do servizo é o goberno local, encargado do control e supervisión do cumprimento do prego de condicións e do contrato coa actual concesionaria”, e interpretou como “un claro conflito de intereses persoais entre membros o goberno” o feito de que Aloumiños acusase ao rexedor de pasividade.

“Parécenos moi preocupante a mala imaxe que se está dando por parte do goberno e especialmente o dano que se está facendo a unha institución como é a residencia, que polo que coñece o PP, coincidente coas palabras do propio alcalde, está a funcionar de forma correcta sen ter queixa ningunha dos usuarios“, argumentou Castiñeira.

Ante o que cualifica como unha “crise” do executivo municipal, o PP presentou unha moción para a celebración dun pleno extraordinario, na que instaba ao goberno local a aclarar se Idea está a incumprir o contrato; a reprobar a actitude da xa ex concelleira “por non saber separar os intereses persoais da súa empresa cos adquiridos pola condición de edil da corporación”; a convocar a comisión de seguimento para analizar a situación e a realizar unha declaración institucional en apoio ao centro-residencia de día municipal.

Pola súa banda, Cajoto expuxo que Peña “renunciou á acta de concelleira o pasado mércores día 22, para evitar o deterioro da imaxe do equipo de goberno e a manipulación, que, finalmente e tristemente, fixo efectiva o Partido Popular. Esta renuncia á acta honra á nosa compañeira e bota por terra as falsas e malintencionadas acusacións que está a verter o voceiro do principal partido da oposición e deputado provincial”, indicou.

CAJOTO: A RENUNCIA “DESBOTA CALQUERA SOSPEITA”

Cajoto sostén que a demisión de Peña “desbota calquera tipo de sospeita e dá conta da seriedade e compromiso que ten o equipo de goberno co noso pobo, especialmente no eido social”.

No tocante á “denuncia verbal” de Aloumiños sobre o suposto incumprimento dos pregos de contratación, o rexedor focego sinala que “foi remitida de inmediato aos servizos técnicos, que son os encargados de revisar o cumprimento dos mesmos e ser garantes de que se cubra calquera eiva administrativa”. Cajoto salienta que “estamos moi satisfeitos co servizo que se está a prestar na residencia e centro de día de Foz, respecto ao cal non temos queixa de ningún usuario”.

O ALCALDE PIDE “RESPONSABILIDADE” AOS POPULARES

Finalmente, o alcalde focego pide “rigor” e “responsabilidade” a Castiñeira, pois “en ningún momento ningún membro do Partido Popular se puxo en contacto con este equipo de goberno para informarse ou preocuparse da situación; parece que traballa para agravar calquera conflito”, afirmou Cajoto, que subliñou que para o xoves 30 está convocado un pleno ordinario e cualificou a petición do PP de “inverosímil. O máis lóxico sería presentar unha moción de urxencia, pero no caso de que non rectifiquen, teremos a paradoxa de asistir a dúas sesións plenarias“, concluíu.

OCUPARA O TERCEIRO POSTO

Peña ocupara o terceiro posto da lista dos socialistas, por detrás de Cajoto e Héctor Moris. Así, en principio debera ser substituída pola número oito da candidatura do PSdeG-PSOE, Milagros Louzán García.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...