O veciño de Foz que resultou infectado por coronavirus, o primeiro caso confirmado na provincia de Lugo, recibiu a alta.
Este home, de arredor de 60 anos, foi trasladado en ambulancia o pasado mércores ao seu domicilio na vila focega, despois de permanecer ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) cunha evolución favorable. Faráselle seguimento por vía telefónica, aínda que sen medicación.
A súa muller resultou tamén infectada e permanece confinada na casa, estable.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 444; deles 136 son da área da Coruña, 36 da de Lugo, 46 da de Ourense, 59 da de Pontevedra, 84 da área de Vigo, 68 da de Santiago, e 15 da de Ferrol.
O último falecido foi un varón de 75 anos, con patoloxías crónicas previas, que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Podes ler a información completa no Galicia Confidencial.