Iniciosociedade"Exipto está pendente do impacto da pandemia no turismo, porque moita xente...

“Exipto está pendente do impacto da pandemia no turismo, porque moita xente vive del e ao día”

A consultora de comunicación Iria González Panizo, natural de Burela, remarca que país africano vive con incerteza o parón do sector turístico, o motor da súa economía

Publicada o

- Advertisement -

A consultora de comunicación Iria González Panizo, natural de Burela, leva once anos en Exipto, un país que vai coñecendo pero que aínda a sorprende. “Tiñamos curiosidade sobre como ía tomar o Goberno a crise do coronavirus, pero cando soubemos que non se podía ir ás mezquitas entendimos que ía en serio”, remarca. Desde as aforas do Cairo, a xornalista explica a incerteza que se vive no coloso africano por un sector como o do turismo, motor da economía e freado pola pandemia.

Como está a situación en Exipto?

Por agora, con tranquilidade. Se nos fiamos dos datos que proporciona o Goberno, levamos uns 800 casos declarados, o que non é moito para ser un país de case cen millóns de habitantes. Ademais este é un sitio no que é moi difícil controlar estas cousas. En España temos datos aproximados, se non de xente infectada, si que podemos facernos unha idea bastante clara das persoas que están enfermas polas cifras de hospitalización. Pero aquí hai moita xente pobre, e sobre todo estou pensando noutras zonas do país que non sexan o Cairo, que non creo que se saiba moi ben cantas persoas poden estar enfermas.

NO DEBATE

Con esa cantidade de infectados, está o coronavirus no debate social, en boca de todos?

Si, iso sen dúbida. Pensa que este país vive principalmente do turismo. Economicamente, este é o Estado máis importante de África, por diante de Sudáfrica, pero principalmente o que move a economía é o sector turístico. E esta crise afectou moito. De feito, os primeiros casos que se detectaron aquí, que foron moi sonados, foron de turistas. Houbo unha crenza inicial que este era un mal que traían os estranxeiros (risos), e en certo modo non é mentira, porque eran os turistas quenes importaban o virus ao país. Hai un mes aproximadamente, o Goberno tomou medidas nos cruceiros polo Nilo ata Asuán. Houbo un día no que retivo aos turistas nos hoteis de Luxor para tomar unha mostra poboacional.

“a primavera é tempada alta turística, polas temperaturas máis suaves. vai ser un golpe en lugares como luxor ou asuán”

TOQUE DE QUEDA

A nivel de circulación de persoas, que medidas tomou o Goberno?

A partir do control do turismo comezáronse a tomar outras medidas, como pechar os colexios. Dez días despois tomáronse medidas moito máis restritivas; pecháronse os voos, non se pode entrar por vía aérea nin saír do país desde mediados de marzo, o que é unha medida moi importante para un país que vive do turismo. Logo xa se foron pechando cafés e restaurantes, os clubs deportivos, e impúxose un toque de queda para a circulación de persoas. Só se pode andar entre as 6.00 e as 19.00 horas. Isto obriga aos comercios a abrir en horario matinal, de 10.00 a 17.00.

Optouse por esa decisión intermedia porque moita xente vive do que gaña cada día. E tampouco ten o Goberno un plan para aliviar ese impacto económico. Entón se se restrinxe a circulación de persoas completamente, moitas persoas quedarían ser poder comer. Malia que non hai moitos casos, ao tomar o Executivo medidas fortes, os cidadáns tomárono máis en serio. O que podo observar é que a xente máis privilexiada, con mellor posición económica, si que está levando máis un relativo confinamento.

DESIGUALDADE

Así que poder facer o confinamento é, dalgún xeito, un privilexio.

Si, exactamente. Xente que traballa desde a casa, cunha maior calidade de vida. Un peche total para moita xente sería insostible. Se podes quedarte na casa significa que tes con que facelo. O que conduce un autobús que recolle xente vive do que gaña ese día. Se non sae, non cobra e non come. O mesmo o señor que vai vender verduras ao supermercado. Hai unha serie de grupos que representan unha boa parte da poboación e que non poderían saír adiante.

“poder confinarte é un privilexio, significa que tes con que facelo. atópaste xente sen casa e que se non sae, non come”

Se aquí decretas unha corentena forte atoparíaste con xente que non ten casa, ou persoas que teñen unha casa sen ventás.

Polo tanto, o golpe pode ser moi duro.

Veremos o que ocorre co sector turístico a medio prazo, porque será chave. Cando foi a revolución da Primavera Árabe, no 2011, xa se notou, supuxo un parón no turismo e foi un golpe enorme para a economía exipcia, moi díficil de superar. En zonas como O Cairo hai máis sectores produtivos, pero en Luxor ou Asuán unha porcentaxe altísima da poboación vive do turismo: non só pensamos en restaurantes, hoteis ou transportes, senón que moitos dos que viven ao día venden souvenirs nas portas das pirámides, comida, hai moita xente que traballa como guía turístico… Os guías traballan en tempada, e con sorte a tempada é o ano enteiro. Ademais, a primavera é tempada altísima, porque no verán fai demasiada calor. As reservas en cruceiros polo Nilo estaban completas en Semana Santa.

SANIDADE

E o sistema sanitario, aguantaría un impacto forte do virus? 

O sistema sanitario non é o de Europa e xestionar unha cousa moi grave sería impensable. A esperanza é que o clima cálido poida botar unha man e facer que o virus se espalle máis lentamente; tamén, como a esperanza de vida é de arredor dos 68 anos, que a taxa de mortalidade sexa máis baixa, ao non atacar a tanta xente maior. Pero iso son hipóteses. A sanidade pública, nin coa axuda da privada, non ten suficiente infraestrutura.

“o sistema sanitario non aguantaría algo parecido ao que pasa en españa”

Non hai unha data de cando será o pico, pero si que sabemos que se están preparando para o que poida chegar. Cando todo isto comezou, o Goberno dixo que só se podían atender pacientes de coronavirus nos hospitais designados polo Executivo. Se dabas positivo ou tiñas síntomas, só podías ir aos seus hospitais. Iso daba medo, porque ademais os positivos eran levados a unha cidade do norte, confinábanse alí. Dese xeito, ninguén dicía nada se se atopaba mal por medo a que os levasen a un lugar que está case na fronteira con Libia. Recentemente soubemos que agora podes ir a calquera centro hospitalario, incluso que están improvisando hospitais de campaña.

Nestas situacións, cal é o carácter dos exipcios? Son máis disciplinados, anárquicos?

A xente víveo con resignación, lamentablemente están afeitos a levar moitos paus. Veno como outra máis que lles caeu enriba, teñen respecto e medo, porque é unha cousa distinta. Interpretan que a vida ten que seguir, non teñen outro remedio. Viven ao día e teñen que continuar.

A DISTANCIA

Como leva o confinamento?

Nos vivimos preto do Cairo, nunha unha urbanización pechada, tranquila. Non podemos ter ningunha queixa. Confinados, facendo da casa a oficina, o colexio… Tentamos manter as amizades. Si foi complicado, cando estás nun país que non é o teu, no momento no que cancelan os voos internacionais. Aí si que foi un momento no que me parei a pensar, traguei saliva: “aquí estou moi ben, teño a miña casa… Pero pasa calquera cousa grave, á miña familia, e como marcho?”. Agora non está nas túas mans, senón que está nas do Goberno exipcio dedicir cando podes coller un avión e saír de aquí. Esa quizais foi a parte máis difícil. Pero hei de dicir que a Embaixada está pendente, de feito xa se puxeron en contacto con nós.

“cando che din que pecharon os voos internacionais tragas saliva. se pasa algo na casa, depende do goberno deixarche saír”

Cal é o contacto que teñen coas familias?

Iso si, estou pendente de Cervo e de Burela, David, a miña parella, de Madrid. Cando estás fóra todo este tipo de cousas que pasan no que ti consideras a casa, lévante dunha forma particular, tes unha inquedanza, sobre todo por Madrid, que é un foco moi importante. Estamos vivindo un momento que nos resulta sorprendente. Non sabíamos como o ía tomar o Goberno, pero o día que se decidiu que non se podía ir ás Mezquitas, aí si que entendimos que a situación era seria. Tamén cando se frearon os voos de maneira que non poida haber turismo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...