O Xornal da Mariña repasa as iniciativas postas en marcha polas Administracións con motivo do estado de alarma decretado para conter a propagación do coronavirus, así como dos colectivos de comerciantes e asociacións, e tamén dos grupos da oposición municipal.
A MARIÑA
REPARTO DE MÁSCARAS EN FOZ, BURELA, VIVEIRO E RIBADEO
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou o reparto das 74.000 máscaras enviadas polo Goberno con destino aos traballadores que non poden teletraballar e deben empregar o transporte público para acudir ao seu posto de traballo.
A distribución faise nas estacións de autobuses e do tren das principais localidades da provincia, así como en lanzadeiras e paradas de buses urbanos, atendendo aos usuarios das liñas que dan servizo aos polígonos do Ceao, As Gándaras, As Arieiras e o HULA, entre outros destinos.
Ademais de na cidade de Lugo, repartiuse este material sanitario en localidades como Monforte de Lemos, Viveiro, Burela, Foz, Ribadeo, Vilalba, Chantada e Sarria.
A XUNTA INCREMENTA NUN 64,7% AS HORAS DO SAF
A Xunta de Galicia reforzou o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na comarca da Mariña con 21.658 horas máis ao mes para a atención das persoas con necesidades asistenciais, o que supón un incremento do 64,7%. O Goberno galego asume o importe que pagaba habitualmente o usuario, polo que non suporá ningún gasto para este.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta medida estenderase durante o tempo que dure a situación de emerxencia sanitaria e de estado de alarma. O obxectivo é proporcionar unha atención profesional a todas aquelas persoas que non eran usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, pero poidan precisar a atención nesta situación excepcional.
Neste sentido, priorizaranse os casos máis urxentes detectados polo Programa de Asignación de Recursos, así como as persoas usuarias de centro de día, servizo que desde a declaración de emerxencia sanitaria permanece pechado. Así mesmo, tamén se terán en conta aquelas persoas cunha solicitude de dependencia rexistrada e pendente de ser valorada.
BURELA
CANCELACIÓN DAS XORNADAS DE EXPOMAR
O presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, anunciou que quedan aprazadas as XXVII Xornadas Técnicas e o XXI Encontro Empresarial que se ían celebrar os días 28 e 29 de maio. A decisión foi adoptada polo comité organizador como consecuencia da actual pandemia. Llano subliña que a cita tentará levarse adiante este ano. Será noutra data, que se marcará en canto a situación que estamos a vivir o permita.
CCA BURELA PERDOA O RECIBO DO SEGUNDO TRIMESTRE AOS ASOCIADOS
O Centro Comercial Aberto (CCA) de Burela creou un vídeo motivador para animar á veciñanza e condonou o recibo do segundo trimestre para os seus socios.
Desde o colectivo pensan que esta situación é moi complicada e os folgos fraquean a estas alturas, pero esperan que os bureleses sumen, na medida das súas posibilidades, para que o futuro da localidade sexa menos incerto.
Para intentar axudar nesta esta situación ao empresariado, o colectivo decidiu suspender o pago da cota do segundo trimestre do ano, que quedará perdoada.
CERVO
CONTINÚAN OS CONCURSOS NO FACEBOOK MUNICIPAL
O Concello de Cervo ofrece á veciñanza novas actividades lúdico-didácticas e deportivas para afrontar as seguintes semanas de confinamento.
Este luns comezan novos concursos no Facebook municipal. Podes consultar as bases na rede social. Representación artística (luns 13), coreografía (mércores 15), almorzo Masterchef (venres 17), bodegón (luns 20), xogos de mesa (22 de abril) e merenda Masterchef (día 24) son as novas temáticas dos certames online.
Ademais tamén haberá un bingo na rede, os xoves 16 e 23 de abril. Aquelas persoas que non dispoñan de facebook tamén poden participar no concurso enviando as súas fotos ou vídeos a través do correo cervocultura@gmail.com.
FOZ
AS OBRAS NAS PARROQUIAS RETÓMANSE ESTE LUNS
A partir de hoxe, luns, e durante os vindeiros días desta semana o Concello de Foz retoma a execución de obras que se estaba realizando en varias parroquias rurais do municipio.
O alcalde, Fran Cajoto, anunciou que “hoxe reiniciáronse na parroquia de Cangas as obras no camiño de Alemparte, entre a Nacional 642 e o Camiño Real, onde están a piques de rematar os traballos para mellorar o abastecemento de auga e despois procederase ao asfaltado do viario. Esta actuación está financiada con 48.000 euros de fondos propios e consiste na renovación da tubaxe de abastecemento de auga, substituíndo a anterior condución por unha canalización de PVC de 75 milímetros de diámetro e 10 atmosferas de presión, o que evitará as continuas roturas que se estaban a producir nesta canalización. E ademais inclúe o aglomerado en quente do camiño con mestura bituminosa tipo D-12 e a disposición da sinalización necesaria”, indica o rexedor.
E durante os vindeiros días desta semana retomaranse as obras de limpeza de cunetas e de mellora do firme con aglomerado en quente de varios camiños de parroquias do rural con cargo ao Plan Único 2019. “A limpeza de cunetas e o asfaltado xa están rematados no barrio de Chao (parroquia de Santa Cilla) e agora continuarase co resto de actuacións que estaban previstas: en San Martiño no camiño Río – O Carme; en Cangas no camiño Alemparte – Vilamor; na parroquia de Nois nos viarios Apeadoiro – Carpacide e Cabanas – Lamallada; e tamén no camiño Bargado – Lousada, en Fazouro. Estas actuacións completan un total de máis de 279.000 euros de investimento financiados pola Deputación de Lugo”, engadiu o rexedor municipal focego.
RIBADEO
PAGO DE FACTURAS A PROVEDORES POR 395.000 EUROS
O Concello de Ribadeo anunciou que pagou aos seus provedores desde que se decretou o estado de alarma por parte do Goberno facturas por un importe acumulado de máis de 395.000 euros.
Segundo os informes da Área Económica, o Concello de Ribadeo pagou aos seus provedores desde que se decretou o estado de alarma polo Goberno facturas por un importe acumulado de 395.045,31 euros. O alcalde, Fernando Suárez Barcia, subliñou que “coa fin de aliviar aos seus provedores de bens e servizos dos efectos económicos da crise causada polo Covid-19, o executivo local fixo un esforzo importante nas últimas semanas por axilizar a tramitación e resolución dos expedientes de aprobación de facturas”.
O rexedor manifestou que “deste xeito, na actualidade unicamente atópanse pendentes de pago, en referencia ás facturas deste exercicio 2020, as recibidas a partir deste 31 de marzo. Existen tamén outra serie de facturas do exercicio 2019 que, por seren presentadas polos provedores neste 2020, deberán ir a un recoñecemento extraxudicial na primeira sesión plenaria que se celebrará cando o estado de alarma o permita”, conclúe.
VÍDEO DE ACISA
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) elaborou un vídeo motivador no que lembra que “xa falta menos para vivir Ribadeo”.
Ya falta menos… para Vivir Ribadeo!!!
Compárteme ♻️♻️ y anima a tu familia, vecinos y amigos … 👇⚠️ Precaución, este es un mensaje positivo y alegre 🔝#YaFaltaMenos 💪💪 Ya falta menos para reír 😆 abrazar 🤗 sentir 🥰 comprar 🛍 brindar 🥂 Todos juntos superaremos esto 💪💪💪Juntos volveremos a hacer Ribadeo el mejor lugar del mundo 🌍 para vivir y visitar; reír y soñar; comprar y disfrutar….Ya falta menos para que volvamos a #VivirRibadeo ❗️❗️❗️Turismo de Ribadeo La Voz de Galicia. Edición A Mariña El Progreso A Mariña Cronica3.com A mariña comercio A Mariña lucense turismo COPE DE LA COSTA (RIBADEO) Xornal da Mariña Faro Ocio Norte
Publicada por Acisa Ribadeo en Jueves, 9 de abril de 2020
Acisa amplía ata o 30 de abril o prazo de presentación de traballos ao concurso Polos nosos negocios. Unha ducia de persoas xa enviaron as súas obras. En xogo están 300 euros en vales de compra. Trátase de deseñar un cartel e un slogan que animen á xente a facer as súas compras no comercio da vila e a consumir tamén na súa hostalería. Participa enviando unha fotografía dos mesmos por correo electrónico a info@acisaribadeo.es ou ao whatsapp 663.39.62.26.
VÍDEO DE TERRA BRANCA
Igualmente, a galería Terra Branca, que permanece pechada durante o estado de alarma, decidiu render homenaxe a Ribadeo a través da obra pictórica de Mariángel Leal. E fíxoo cun vídeo que colgou nas redes sociais e que xa supera as 2.000 visitas.
EN MAREA RIBADEO INSTA A USAR O SUPERÁVIT PARA FAMILIAS VULNERABLES E PEMES
En Marea Ribadeo solicita, ante a crise socioeconómica que provocará o coronavirus, “organizar unha rede de voluntariado e apoio mutuo para detectar mellor as necesidades e demandas das persoas mais marxinadas e dependentes, e aproveitar con rigor a medida que permite ós concellos destinar o superávit fiscal do 2019 a servizos sociais para axudar a pasar este primeiro trance ás familias e pequenos negocios do mellor xeito posible”.
“A este respecto cómpre facer moito fincapé na normalización de recorrer aos servizos sociais municipais. A nosa cultura estigmatiza a pobreza (falemos con claridade) e iso ben pode levar a que as veciñas afectadas sofran fame ou frío na casa por vergoña a pedir axuda”, remarca a formación, que advirte da “necesidade” de “diversificar cara ao futuro a economía da nosa vila é hoxe unha urxencia. Para iso, propoñemos crear un grupo aberto (ese Consello de Participación Cidadá que viñamos demandando) que comece a estudar ideas para a transición de Ribadeo a un modelo máis resiliente e sustentable, menos dependente da economía global e máis baseado nos nosos propios recursos”.
VIVEIRO
ENTREGA DE MÁSCARAS Á POBOACIÓN INFANTIL E DE ALTO RISCO
O Concello de Viveiro puxo en marcha hai uns días a iniciativa do BNG unha campaña solidaria para a confección de máscaras por parte dun númeroso grupo de voluntarios, grazas ao material doado por diversas empresas e entidades, coa pretensión de cubrir as necesidades existentes en diferentes ámbitos.
Tendo en conta que os Equipos de Protección Individual (EPIs) entregados ao concello pola Xunta de Galicia son precisos para cubrir as necesidades propias, xa que se destinan ao persoal municipal (Policía Local, Protección Civil, Xardinaría…) e, na medida do posible, ás residencias e o centro de saúde, considerouse que este iniciativa serviría para dotar de máscaras a un grupo moito máis amplo de persoas.
As primeiras 500 máscaras elaboradas repartíronse entre as dúas residencias de maiores do concello, o centro de saúde e diversos establecementos esenciais que manteñen a súa actividade, como gasolineiras ou supermercados.
Tras esta primeira entrega de material aos colectivos referidos, especialmente expostos por tratarse de servizos sanitarios ou por teren que traballar cara ao público, o Concello de Viveiro amplía o ámbito de reparto e ofrece estes elementos de protección a aqueles veciños e veciñas que pertenzan a algún dos grupos de risco e aos nenos e nenas que, por calquera motivo, se vexan na necesidade de saír dos seus domicilios durante este días de confinamento, dispoñendo de máscaras de tamaño infantil.
DOUS NÚMEROS DE TELÉFONO
O Concello continuará repartindo as máscaras entre os centros e comercios sinalados, ante a escaseza deste tipo de material, e habilita dous números de teléfono para os veciños que precisen máscaras infantís ou que pertenzan a algún dos grupos considerados de risco polo Covid-19. Nestes supostos, a partir do luns, 13 de abril, deben poñerse en contacto co concello a través do 620.31.79.56 ou o 982.56.36.18, para proceder á entrega no propio domicilio. Os horarios para chamar son de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas (de luns a venres). O número de teléfono fixo está desviado para ser atendido nun teléfono móbil, polo que ambos están operativos neses horarios e pode chamarse a ambos.
O COMERCIO VIVEIRENSE PON EN MARCHA UNHA TARXETA REGALO
A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro (CCHV), pon en marcha este días a Tarxeta Regalo CCHV, para todas aquelas persoas que non poidan mercar un agasallo de cumpreanos ou por calquera outro motivo. As persoas interesadas pode poñerse en contacto ca Asociación a través do mail gerencia@viveirocentro.com ou no WhatsApp 650.50.67.17, indicar o importe que desexe e a persoa á que vai dirixida.
As tarxetas son persoalizadas e son enviadas a través do mail ou WhatsApp á persoa interesada ou a quen se nos indique. Unha vez que se levante o estado de alarma e poidamos voltar á actividade, a persoa agasallada poderá pasar polas nosas oficinas da Rúa Diaz Freijo, 3 de Viveiro e canxear o importe por vales de compra de distintos importes para gastar nos mais de 120 negocios locais asociados ao CCHV.
O obxectivo desta iniciativa “é concienciar da importancia que ten o tecido comercial na vila, e que agora máis que nunca, hai que apostar por mercar no comercio local”, sinalan desde o CCHV.