O Concello de Mondoñedo investirá algo máis de 130.000 euros nas obras de impermeabilización e mellora da imaxe exterior do cemiterio novo de Vilaverde. O goberno local recubrirá un total de 400 nichos para facer fronte ás filtracións de auga que afectan a instalación.
150 BENEFICIADOS
O goberno local calcula que esta obra beneficiará a uns 150 titulares que teñen un ou varios nichos en propiedade. As actuacións incluirán a revisión do tellado do resto dos sepulcros, para arranxalos se é preciso. Tamén se farán actuacións previas de limpeza da fachada, retirada de cerámicas, saneado de gretas e repicado de enfoscados nos muros.
Ademais, intervirase no pechamento exterior a través do seu revestimento con cemento impermeable á auga da choiva; rehabilitaranse os tellados, colocaranse cazoletas e baixantes na cuberta axardinada e aplicarase pintura e revestimento de poliuretano no acabado exterior.
FONDOS DA XUNTA
O Concello quitará a obra a licitación a vindeira semana, e prevé executar as actuacións no último trimestre deste ano. Este proxecto enmárcase dentro dun programa de axudas da Xunta de Galicia para mellorar ou rehabilitar recursos turísticos relacionados co Camiño de Santiago.