InicioDeportesO Burela FSF, campión de Liga por terceira vez tras derrotar ao...

O Burela FSF, campión de Liga por terceira vez tras derrotar ao Alcorcón

Un gol de Jenny Santos tras unha brillante xogada de Jane e Peque desequilibra unha igualada final de Málaga a prol do equipo laranxa, que engrosa un palmarés envexable

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela FSF gañou a terceira Liga da súa historia tras derrotar ao Alcorcón (3-2) na final da competición, disputada no pavillón Martín Carpena de Málaga. A tempada interrompida polo coronavirus finalizou da mellor maneira posible para o equipo da Mariña Lucense, que segue engrosando o seu envexable palmarés, con -ademais- unha Copa da Raíña, unha Copa de España, dúas Supercopas, unha Four Nations Cup Futsal e catro Copas Galicia. As vitrinas da entidade rebosan en pouco máis dunha década de traxectoria.

Nunha final singular, sen público para evitar contaxios e despois de meses de inactividade, o equipo burelao demostrou de novo que cando os títulos están en xogo sempre compite, sexan cales sexan as circunstancias.

O CADRO BURELAO ACUSOU A INACTIVIDADE

O equipo madrileño saíu á pista cunha marcha máis que o Pescados Rubén, que nos primeiros minutos sufriu a presión abafante do Alcorcón. Jozi tivo que estirarse para desbaratar unha boa ocasión no minuto 3, a primeira do encontro, da pivote galega Vane Sotelo.

Pouco a pouco o Burela FSF estirou liñas e Dany tivo a primeira oportunidade das discípulas de Julio Delgado, no minuto 8, pero topouse con Estela. Catro despois, Jozi sacou co pé un disparo de Pipi.

PEQUE DÁ PRIMEIRO

Notaba a inactividade o Pescados Rubén ante un equipo con menos adestramentos pero que tivo unha primeira toma de contacto coa competición na semifinal disputada, con prórroga e penaltis incluída, ante o Ourense Envialia. Necesitaban un empurrón as “guerreiras” e chegou ao borde do cuarto de hora, cando Peque adiantou ao conxunto laranxa cun remate que desviou Ballesteros, o que despistou a Estela.

RESPOSTA INMEDIATA DE ESTELA

Ale de Paz tivo o 2-0 antes da resposta inmediata do Alcorcón, obra de Estela Cantero.

Julio Delgado pediu tempo morto e o equipo burelao tivo dúas ocasións inmediatas, ambas por medio de Peque. A á-pivote madrileña non foi quen de resolver ante Estela na primeira delas.

JENNY LORES PON O 2-1 TRAS PENALTI SOBRE PEQUE

A falta de 1 minuto e 48 segundos para o final da primeira parte, Peque roubou un balón preto da área propia e dispúñase a rematar na área o contraataque continuado por Cilene cando foi agarrada por unha xogadora do equipo amarelo. Jenny Lores asumiu a responsabilidade de tirar o penalti e bateu a Estela con seguridade para acadar o 2-1.

VANE SOTELO COLOCA AS TÁBOAS ANTES DO DESCANSO

A ledicia das mariñás durou pouco, xa que antes do descanso Vane Sotelo acadou a súa trixésimo sexta diana en Liga cun disparo raso lonxe do alcance de Jozi. Á volta dos vestiarios, con 2-2, agardaba un partido novo.

SEGUNDO TEMPO CALCADO AO PRIMEIRO

Jozi continuou na portería tralo descaso e no minuto 23 demostrou de novo firmeza ante outra galega do cadro madrileño, Nerea Moldes. Nos primeiros compases do segundo acto, de novo custáballe ao conxunto da Mariña ter profundidade e mesmo tiña dificultades para cruzar a campo contrario.

Peque tirou de liderado e deu o primeiro aviso no minuto 28, cando enganou a Nerea Moldes para gañarlle a posición cun amague e quedar soa fronte a Estela. Non tivo sorte a madrileña, de novo un exemplo de talento e competitividade. Tras un inicio tibio, o Pescados Rubén volvía coller co paso do tempo o mando do duelo. Roubaba a pelota con facilidade en zona media da pista e saía con perigo ao contragolpe.

DECIDE UNHA TRIANGULACIÓN DE QUILATES

O Alcorcón, con todo, seguía a ter perigo. Especialmente nas botas dunha Vane Sotelo que, a nove minutos para o desenlace, estivo a piques de atopar portería nun saque de falta. A continuación, o Burela FSF non perdoou. Peque e Jane levaron a contra e Jenny Santos fixo o 3-2 que encarrilaba o triunfo para as da Mariña Lucense.

O equipo madrileño optou no treito final do encontro polo xogo de cinco, con Carmen Alonso de porteira-xogadora. Jenny Santos estivo a piques de sentenciar o encontro a falta de un minuto e once segundos, cun disparo lonxano que se foi fóra por pouco. De aí ao remate, cunha nova intervención de Jozi ante Nerea Moldes, o equipo laranxa defendeu coa alma para coroarse de novo, e xa van tres, como o mellor equipo de fútbol sala de España.

OS NOMES DO BLOQUE CAMPIÓN

Jozi, Ana Romero, Lucía, Cilene, Cami, Jenny Santos, Lara, Luci, Dany, Cristina Pérez -que volveu ao fútbol sala despois de axudar como enfermeira en plena pandemia-, Cris, Jane, Bea Mateos, Ale de Paz, Jenny Lores e Peque compoñen o bloque campión, coa dirección de Julio Delgado e Lucas. Emma (delegada), Pablo (preparador físico), Fran Paz (preparador de porteiros), Xurxo (masaxista), David (fisioterapeuta), Javi Couce (médico), Miguel (podólogo) e Alba (nutricionista) son tamén campións de España.

UNHA LEDICIA PARA A MARIÑA NUN MOMENTO DURO

Nun momento convulso e de incerteza para A Mariña, cun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado na planta de aluminio de Alcoa, que deixaría a máis de 900 traballadores na rúa, entre persoal da fábrica e auxiliares, as “guerreiras” deron unha ledicia a unha comarca que teme polo seu principal sustento.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...