O PP reclama “explicacións” á alcaldesa de Lourenzá, a socialista Rocío López, pola demisión do edil de obras e segundo tenente de alcalde, Carlos Rivas. O concelleiro foi substituído no pleno do pasado xoves por Mario Leitón. Esta alta permitiu ao goberno socialista manter a súa maioría, con seis actas por catro dos populares e unha do BNG.
O PP laurentino formulou na sesión plenaria preguntas sobre “por que se mantivo ao concelleiro cobrando (cunha adicación parcial) durante dous anos e medio se non estaba a facer o seu traballo”, en alusión ao exposto pola rexedora, que indicou sobre Rivas nun comunicado que “todo o mundo sabe onde despachaba os venres, o día de adicación ao Concello”.
Os populares denuncian que non tiveron explicacións neste senso por parte da alcaldesa. Ademais, sosteñen, o feito de que houbese dúas demisións no goberno local demostra que “non hai entendemento no executivo municipal”.
OUTRAS PREGUNTAS
O PP de Lourenzá subliña que tampouco tivo respostas a preguntas sobre a limpeza dun treito da vía LU-P-2804, o horario de apertura do punto limpo, a estrada de Arroxo ou os colectores de lixo soterrados, “que se manteñen sen servizo. A rexedora non respecta a tarefa de control da oposición”, conclúe.