IniciosociedadeO Sergas documentaba 224 positivos na Mariña o 9 de xullo, cando...

O Sergas documentaba 224 positivos na Mariña o 9 de xullo, cando cifrou o tope de casos en 186

O auto xudicial para ratificar as medidas adoptadas para illar Burela e restrinxir a mobilidade en seis municipios revela os datos dun informe realizado por Sanidade

Publicada o

- Advertisement -

A xestión da información sobre o brote da Mariña por parte da Xunta de Galicia xerou polémica ao longo das últimas semanas, dadas as críticas por parte de profesionais sanitarios que aseguraron que as cifras de positivos que manexaban a través do sistema Ianus non coincidían coas ofrecidas oficialmente polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Este mércores, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) publicou o auto que valida as medidas adoptadas o pasado día 10 de xullo para illar Burela e restrinxir a mobilidade nun perímetro de seguridade formado polos concellos de Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo. Unha orde que quedará invalidada desde a medianoite, permitindo o acceso e saída libre nestes seis municipios.

EN PLENA CAMPAÑA

Un dos aspectos interesantes do auto é que revela datos dun informe realizado con data 10 de xullo polo Subdirector xeral de información sobre saúde e epidemioloxía, a fin de explicar a situación na bisbarra e xustificar as medidas a adoptar. Nel concrétanse, a día 9 dese mes, os casos detectados na comarca, municipio por municipio. Podes consultalo aquí: AUTO PRORROGA A MARIÑA MSN 121 2020_

Segundo o documento, a día 9, o concello de Burela contaba “cun total de 157 casos cunha taxa acumulada de 1.637,5; seguido de Foz, con 22 casos; Viveiro, 14; Xove, 12; Cervo, 4; O Vicedo, 3; Ribadeo, 4; Barreiros, 5; Alfoz un e Lourenzá, dous”.

É dicir, 224 positivos na comarca, unha cifra afastada dos 165 “casos activos” confirmados polo Sergas ese mesmo día e tamén dos 182 que figuraban no reconto oficial do día seguinte, cando se aprobou a normativa. De feito, o tope de infectados até agora no brote da Mariña foi, segundo a estatística da Xunta, de 186, un día antes das eleccións autonómicas.

POSITIVOS ACUMULADOS

Cabe a posibilidade de que o informe da Xunta se refira non aos “casos activos” -aqueles que teñen ARN do virus e os que vén facilitando o Sergas desde o inicio da pandemia-, senón aos positivos acumulados, é dicir, todos os que se produciron no contexto do brote, e que fan referencia tamén ás persoas en proceso de recibir a alta ou que xa a recibisen, pero en todo caso non cadran coa información ofrecida á opinión pública: a 9 de xullo, a cifra de pacientes totais segundo os datos facilitados polo Sergas ascendía a 190 (34 menos), a día 10, a 209 (15 menos).

Ante as críticas dos sanitarios, que afirmaban que a Xunta estaba a “confundir” cos datos para xustificar a celebración dos comicios, o Sergas respondeu suxerindo, precisamente, que os profesionais realizaban a súa denuncia pública por “inteses electorais”.

ADMITE A POSIBILIDADE DE TRANSMISIÓN COMUNITARIA

A 9 de xullo, o número de PCR realizadas fora de 2.244, cun porcentaxe de positivos do 9,1% e do 16% desde o día 3, confirma o auto, que cifraba por entón en 1.103 o número de contactos detectados, é dicir, de persoas confinadas.

Na normativa aprobada hoxe para manter o illamento de Burela e levantar as restriccións á mobilidade nos seis municipios que exerceron de “cinto de seguridade”, unha orde que se aplicará desde as 00.00 horas, o Sergas confesa que non pode “relacionar” todos os positivos documentados e admite polo tanto a posibilidade de que haxa unha “transmisión oculta” ou comunitaria do virus que até o de agora sempre negara, nas distintas comparecencias ante os medios de comunicación e notas de prensa.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...