O Concello de Burela destinará 125.000 euros en axudas para os empresarios do municipio que tiveron que cesar a súa actividade pola pandemia do Covid-19. As subvencións, cun máximo de 700 euros por negocio, poderán solicitarse a partir do vindeiro luns, día 31. As bases serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e na sede electrónica do Concello este venres, día 28.
VINTE DÍAS DE PRAZO
O alcalde burelao, o socialista Alfredo Llano, anunciou este mércores que “unha vez culminadas todas as fases normativas ás que había que someter as axudas a autónomos, empresarios, comerciantes, de hostalería e de calquera outro ramo de Burela polos efectos do Covid-19, este venres, día 28, van saír publicadas no BOP as bases que regulan estas axudas. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais e remata o 17 de setembro, así que os interesados deben darse présa. A presentación, se son persoas xurídicas pódese, facer exclusivamente de forma electrónica e as persoas físicas, como os autónomos, poden presentalas tamén de forma presencial, no Concello”.
PODERANSE CUBRIR DISTINTOS GASTOS
O rexedor municipal destaca que “a contía final logrouse que sexan 125.000 euros para estas axudas e o máximo individual será de 700 euros para garantir que todo o mundo poida ter unha oportunidade de acceder. As subvencións serán sobre todo para gastos de alugueiro de locais ou de funcionamento, como lixo e auga, pero tamén inclúen outros gastos como adquisición de material consumible para desinfección e de equipos de protección individual derivados da pandemia. Tamén hai compensacións para as cotas do rexime correspondente da Seguridade Social ou mutua profesional. Ou sexa que é un abano grande. Cada unha ten unha porcentaxe que loxicamente está en función da normativa”, resume o rexedor.
Llano explica que “os requisitos para ser beneficiarios veñen recollidos nas bases da convocatoria, pero o máis importante é que teñen que ter cesado a súa actividade por verse afectados segundo o disposto no Real Decreto publicado naquel momento. Ou sexa que quen solicite a axuda evidentemente tivo que ter un peche da actividade por mor do estado de alarma, o que se explica perfectamente nas bases”.
O alcalde conclúe que “isto é algo que o Concello de Burela procurou facelo da mellor maneira e o antes posible, pero hai moitos requisitos que hai que levar a cabo para que por fin culmine no que se vai facer agora, que é a publicación oficial. E desta maneira o Concello de Burela colabora cos pequenos comerciantes, cos autónomos, coa hostalería, coa restauración, para minguar o ocasionado pola pandemia do virus. Así que quero motivar a todo o mundo que vexa que pode solicitar estas axudas que o faga a partir do luns día 31”, finalizou.