As dúas hectáreas do castro do Monte da Trinidade, en Mondoñedo, quedaron reducidas a apenas vinte metros. Mariña Patrimonio puxo en cifras os danos causados no xacemento arqueolóxico por unha canteira que, denuncian, segue en funcionamento.
Como adiantara Galicia Confidencial, o colectivo mariñao e ADEGA denunciaron ante a Fiscalía a destrución do castro, inventariado e catalogado nos PXOM de Mondoñedo e Lourenzá. As entidades consideran que o contido da documentación recopilada e remitida ao ministerio público acredita que a Dirección Xeral de Patrimonio incumpriu o seu deber legal de protexer o xacemento malia ter constancia de varias denuncias que advertían da situación desde 2008.
SEGUE A ACTIVIDADE
Entre as irregularidades denunciadas, figura o cambio de actividade da canteira que, malia contar con autorización para pedra ornamental, contruíu na zona unha nave na que produce formigón a partir do material calizo extraído. “Na documentación que temos non consta que se autorizase ese cambio”, apunta Manuel Miranda que incide na urxencia de paralizar a actividade da empresa.
O voceiro de Mariña Patrimonio incide no despropósito de que continúe en funcionamento despois da destrución causada no xacemento e da acumulación de irregularidades rexistradas en materia patrimonial pero tamén ambiental e urbanística.
“A canteira tiñan que paralizala xa. Aínda que o xacemento case desaparecese, a protección segue. Doutra maneira sería un precedente nefasto”, subliñou Manuel Miranda.
PROCEDEMENTO PENAL
Mariña Patrimonio e ADEGA consideran que os indicios que recolleron en relación coa actuación de Patrimonio poderían ser constitutivos de delitos de prevaricación, falsidade de documentación e danos contra o patrimonio histórico e natural.
“É o caso máis grave e escandoloso ao que nos enfrontamos en anos pola evidencia da documentación que recollemos e pola transcendencia dos danos causados”, explicou Froilán Pallín, voceiro de Adega. “Sorpréndenos a insensatez e a irresponsabilidade coa que se actuou neste caso”, engadiu en referencia ao papel do Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo no proceso.
SERVIZO PROVINCIAL
Na denuncia expoñen que, en 2016, o departamento elaborou un informe no que negaban á existencia co xacemento co obxectivo de quitarlle a zona a protección que lle correspondía e legalizar así as actuacións que a empresa viñera facendo sobre o xacemento. Na denuncia adxúntase unha comunicación remitada polo servizo provincial ao Concello de Mondoñedo na que se recomenda a exclusión do castro do PXOM, daquela en fase de tramitación.
Aínda que a recomendación non se transladou ao documental municipal que si protexe o xacemento, os denunciantes apuntan que si puido ter consecuencias en autorizacións emitidas por outros departamentos e que mesmo pode amparar a empresa en actuacións futuras.
HERMETISMO
Mariña Patrimonio e Adega incidiron no “hermetismo” co que se atoparon por parte da administración durante os tres anos nos que levan traballando na recollida da documentación, e que os levou a recurrir ao Valedor do Pobo. “Incluso a través desta institución tardamos dous anos en recibir unha documentación que deberíamos ter nun mes”, apunta Manuel Miranda.