As Olimpiadas Parroquiais de Alfoz, que organiza o Concello, remataron o pasado sábado logo dun mes de probas nas que os veciños -desde os máis novos até os máis vellos- demostraron as súas habilidades para que a súa fegresía levase o ouro.
Durante catro sábados, Adelán, Bacoi, Carballido, Castro de Ouro, Lagoa, Mor, Pereiro e As Oiras e Vilaúde puxeron toda a carne no asador para ser a mellor parroquia do municipio. Na primeira fin de semana, os participantes afrontaron probas deportivas; na seguinte, tiveron que demostrar as súas dotes artísticas; na penúltima xornada, a organización programou concursos culturais, e os xogos populares pecharon o evento.
A parroquia de Castro de Ouro foi a máis regular e levou o título deste ano, cunha puntuación de 620 tantos. Lagoa obtivo a segunda praza, con 534 puntos, e os veciños de Carballido tamén subiron ao podio, con 500.
As olimpiadas cumpriron neste 2018 cinco anos de andaina e fixérono con boa saúde. Trátase dunha cita divertida que estreita lazos entre os veciños das parroquias e tamén do municipio.