IniciosociedadeAprobada inicialmente a obra complementaria en Torrentes, para a que se abre...

Aprobada inicialmente a obra complementaria en Torrentes, para a que se abre un prazo de alegacións

O pleno de Burela deu luz verde á aprobación da separación de augas pluviais e residuais, que asumirá o Concello en cumprimento de varias sentenzas xudiciais

Publicada o

- Advertisement -

No pleno extraordinario telemático celebrado o pasado luns en Burela foron aprobadas inicialmente -cos votos a favor o PSOE e a abstención de PP e BNG– as obras complementarias en Torrentes, consistentes en instalar colectores de augas pluviais e residuais para o servizo a futuras vivendas nesa urbanización. Unhas actuacións sobre as que pesan sentenzas xudiciais firmes que obrigan ao Concello a asumir a súa xestión, construcción e financiamento, ao considerar que se trata dun proxecto de interese xeral e non circunscrito á mencionada área.

Despois de pleitear un particular, no 2011 un auto do Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo invalidaba os acordos adoptados pola xunta de goberno no 2008, unha decisión que refrendou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Tras non prosperar os recursos presentados polo goberno local, as sentenzas implicaban a a redacción dun novo proxecto desta obra complementaria e da forma de sufragar os gastos por parte da institución municipal.

Unha vez aprobadas as actuacións, ábrese un prazo de alegacións dun mes das mesmas. Tamén se aprobará a reparcelación da unidade de Torrentes, outro proceso “fundamental para poder entregar as separatas a cada un dos propietarios”, concretou o alcalde, o socialista Alfredo Llano.

O BNG: “PP E PSOE ESTIVERON MÁIS PENDENTES DO SEU INTERESE CA DO XERAL”

O voceiro do BNG, Mario Pillado, criticou o feito de debater “en 2020 dar cumprimento a unhas sentenzas de 2011 e 2012, máis logo un auto xudicial de 2015 e outra nova sentenza na mesma liña de 2016. Cremos que no 2008 se actuou en base aos informes técnicos, pero despois nin o goberno do Partido Popular, de 2011 a 2015, que non se molestou en iniciar ningún trámite, nin o do PSOE, de 2015 a 2019, ambos con maioría absoluta, deron solución a este problema e agora témolo que solventar en minoría e á présa e correndo”, denunciou.

Con respecto a redacción do proxecto, o portavoz nacionalista sinalou que “en 2017, tras informe técnico, faise unha addenda ao novo proxecto, pero non se seguiu o procedemento que informou a secretaría que había que seguir. En 2019 os propietarios reclaman información ao Concello, que responde en setembro deste 2020, desencadeándose a situación que hoxe se debate”, resumiu.

“Estamos fartos deste tipo de situacións, porque estamos máis pendentes das consecuencias legais dunha decisión que de ter unha postura que sirva ao conxunto da cidadanía, que para nós iso é a política”, expuxo.

“Non podemos debatir unha sentenza nin tampouco estar a favor do proceder de gobernos locais que miraron máis polo interese particular que polo interese xeral da veciñanza”, argumentou Pillado para xustificar a abstención dos tres concelleiros nacionalistas.

O PP: “O ALCALDE QUERE CORRESPONSABILIZAR Á CORPORACIÓN DUNHA MEDIDA QUE É SÚA”

O voceiro do Partido Popular, Manuel Rouco, lamentou “a evidente urxencia” desta aprobación, dado que o prazo para a execución da sentenza “finaliza esta semana, con posibles consecuencias incluso de índole penal para o alcalde”. O partido conservador culpou a Llano da situación, lembrando que “vostede era o presidente da xunta de goberno local que tomou a decisión” que o tribunal non considerou axustada a dereito.

Rouco tamén lamentou a “falta de previsión” do executivo municipal para incluír esta medida, cun custe de 640.000 euros, nos orzamentos municipais, “pois desde principios de ano era consciente de que había que dar cumprimento a estas sentenzas. O que parece evidente é que vostede ten a estratexia de corresponsabilizar a toda a corporación dunha acción que entende necesaria para a execución dunha sentenza cando a responsabilidade é unicamente súa”, xulgou, asegurando que “este asunto tiña que resolverse nunha xunta de goberno”.

LLANO AFIRMA QUE NO 2008 ACTUOU AMPARADO “EN TODO MOMENTO POLOS INFORMES TÉCNICOS”

Llano afirmou que a decisión sobre a obra complementaria “estivo xustificada en todo momento” polos técnicos. “Houbo unha interpretación distinta na sentenza e nos acatámola”, indicou. Xustificou o atraso en que “o auto esixía volver á situación inicial, o que era manifestamente imposible, de xeito que houbo que procurar unha maneira para acadar unha solución sen que se tivese que facer iso, o que prexudicaba moito e mesmo ao particular que denunciou, pois perderíase a condición de solo urbano consolidado. Houbo que facer un novo proxecto da área complementaria, e por outra banda, requeriuse dun novo plan de reparcelación. Ademais houbo cambios normativos polo medio. Iso leva o seu tempo”, explicou.

UN PROXECTO POR DESENVOLVER DESDE 2005

Ademais, insistiu “no interese xeral” das actuacións. O proxecto da urbanización, iniciado en 2005 baixo mandado popular, prevía a construción de 1.550 vivendas nesta área de Burela. Posteriormente procedeuse á poxa das fincas, adxudicadas en 2007. Llano admitiu que a unidade de actuación “naceu mal, fixéronse as cousas con demasiada prontitude e sen un gran acordo, sempre cada ano houbo que debater algo de Torrentes”, de xeito que “é algo que nos tarda rematar, é un proceso longo que queremos ter listo o antes posible”.

INVENTARIO MUNICIPAL DE BENS

O alcalde burelao engadiu que “outro punto foi alongar o prazo para presentar alegacións ao inventario municipal de bens, período que remataba o 17 de novembro”, unha petición do colectivo O Vencello, particulares e tamén do Partido Popular e do BNG.

PENDENTE UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL PARA ESIXIR Á XUNTA QUE LEVANTE AS RESTRICIÓNS

Por outra banda, o voceiro do PP propuxo ao pleno aprobar unha declaración institucional, a fin de que a Xunta de Galicia levantase as restricións á mobilidade e á actividade da hostalería no municipio, ante a mellora da situación epidemiolóxica. Rouco asegurou que se trata dun punto “tan urxente ou máis que os tratados” na sesión plenaria de urxencia, “especialmente en atención ao sector da hostalería”.

Llano afeoulle a Rouco “tentar quedar ben” no día previo á reunión do comité clínico que decidirá este martes se seguen as restricións. O rexedor burelao acusou á Xunta de “improvisar” e “non aclarar a razón” dunha toma de decisións que “está a fastidiar moito a actividade socioeconómica” á veciñanza e aos negocios.

Pillado considerou a proposta do PP “unha pista do que pode pasar mañá” e no tocante a hostalería cuestionou que “estivese aberta no brote de xullo con máis de 100 casos e agora que non hai nin 50 non pode abrir”. Así, amosouse a favor de asinar a declaración institucional se este martes non se levantan as restricións, acordo ao que se chegou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...