A Concellería de Muller e Igualdade de Burela programa para esta semana diversas actividades en torno á conmemoración do Día contra a Violencia de Xénero, que se celebra o día 25 deste mes.
Bufando (Burela Actúa Fronte Á Violencia De Xénero) arrincou hoxe cunha charla impartida pola fisioterapeuta Ana Rivas ‘Coñece, entende e coida o teu solo pelviano‘. Podes vela nesta ligazón.
O vindeiro mércores, día 25, ás 12.00 horas, na Praza do Concello terá lugar a lectura do manifesto institucional do Día contra a Violencia de Xénero. Ademais procederase á difusión e ao reparto de material do programa Bufando e da campaña ‘En Negro contra as Violencias‘. Tamén se informará sobre o V Plan de Acción Municipal para a Igualdade entre Homes e Mulleres do Concello de Burela.
Os días 26 e 27, xoves e venres desta semana, no salón de conferencias do Concello de 9.30 a 13.30 horas celebraranse as xornadas sobre ‘Competencias dixitais para o emprego e o emprendemento‘ dirixidas a mulleres e impartidas pola Fundación Mujeres. Ademais, o día 26 ás 12.30 horas, no mesmo escenario, terá lugar a xornada titulada ‘Prevención do Acoso na Rúa‘, dirixida a toda a poboación e impartida pola mesma agrupación.
Do 23 ao 29 de novembro a fachada do Concello estará iluminada de morado e tamén se colgará da fachada unha pancarta conmemorativa.
Todas as xornadas teñen prazas limitadas e requiren inscrición previa. As persoas interesadas poden inscribirse no CIM, no teléfono 982.580.609 e a través do correo electrónico cim@burela.org.
41 VÍTIMAS MORTAIS NESTE ANO
En Foz, o vindeiro 25 de novembro, o Concello organizará un acto para a conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O acto terá lugar ás 20.30 na Praza do Concello e consistirá nunha ofrenda floral ás 41 vítimas de violencia machista contabilizadas de xeito oficial neste ano 2020.
A concelleira de Muller e Igualdade, Milagros Louzán, explica que “aínda que no acto se recordarán estas 41 vítimas mortais oficiais nomeándoas expresamente, o Concello de Foz non quere deixar no esquecemento a todas as mulleres que a diario sofren violencia psicolóxica, física, sexual ou de calquera outra índole. Polo tanto o acto servirá de homenaxe a todas as mulleres e nenas que en calquera lugar do mundo sofren agresións, violacións, son obrigadas a casarse ou a prostituírse, e tamén a todos aqueles menores que son testemuñas da violencia machista a diario facendo que a súa vida sexa un auténtico inferno de medo e desesperación”, resume a edil.
“SAÚDE É TAMÉN ERRADICAR O MACHISMO”
En Barreiros, MeigaBravaSon, batucada feminista, convoca á cidadanía a participar o día 25 nun acto non silencioso en repulsa ás violencias machistas, que terá lugar diante do Concello de San Cosme ás 20.00 da tarde, donde daremos lectura a un manifesto.
O uso de máscara será obrigatorio e respetaranse todas as medidas sanitarias de seguridade e prevención. “Pese a situación de emerxencia sanitaria, non podemos deixar de concentrarnos co obxectivo de erradicar as violencias que se exercen sobre nós, as mulleres, polo feito de ser mulleres. Saúde tamén é erradicar as violencias machistas. Saúde tamén é manter as redes feministas sás e fortes. Non confinarán as nosas loitas, querémonos libres e vivas”, explica o colectivo.