O BNG de Mondoñedo anunciou o pasado luns que presenta unha moción para o pleno na que insta ao goberno municipal “a que anule tódolos actos e acordos adoptados relativos ao expediente de venda por pública subasta do antigo Hospital de Cabanela debido a incumprimentos legais no procedemento”.
O portavoz do BNG mindoniense, Eloi Cabanas, apunta que o prego de cláusulas administrativas que rexen a venda do edificio, establece un prazo de quince días naturais, contados desde o día seguinte ó da data da última publicación do anuncio da licitación no Boletín Oficial da Provincia ou no Diario Oficial de Galicia, para que os licitadores presenten oferta no rexistro xeral do concello. “O goberno popular incumpriu o seu propio prego de condicións ao non publicar o anuncio de licitación da venda do inmoble en ningún dos diarios oficiais preceptivos incumprindo así os dereitos básicos de publicidade, transparencia e libre concorrencia”, indica o concelleiro.
Segundo apunta o BNG, “o goberno local só anunciou a licitación da venda do inmoble na plataforma de contratación do sector público e a pesar do incumprimento da publicación nalgún dos diarios oficiais indicados no prego, a mesa de contratación reuniuse igualmente dous días despois ao marcado no perfil do contratante sen previo aviso e en acto non público para a apertura dos sobres da única oferta presentada”.
A FORMACIÓN FRONTISTA ALERTA DUN “POSIBLE DANO A TERCEIROS INTERESADOS” NA COMPRA
Cabanas advirte tamén que “a aprobación do expediente de alleamento do inmoble pola Xunta de Goberno Local foi realizado sen o previo e preceptivo informe da comisión informativa correspondente, tal e como está tipificado nos artigos 113.1.e do ROF e no 68.2 da lei 5/ 1997 de administración local de Galicia para os casos nos que a Xunta de Goberno Local exerce competencias delegadas polo pleno da corporación municipal”.
“Parécenos incrible que un goberno que conta con maioría folgada suficiente para sacar adiante este tipo de procedementos cometa agora estas torpezas legais no expediente causando inseguridades xurídicas e un posible dano a terceiros interesados na compra deste inmoble”, concluíu.