Unha veciña da comarca denuncia que seu pai leva agardando “sete meses” por un tratamento de rehabilitación pautado por Neurocirurxía con carácter “urxente”. O paciente foi operado dúas veces da columna no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e “precisa fisioterapia para recuperar a mobilidade”, expón a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, que se fixo eco da protesta.
De acordo coa plataforma, o paciente “foi intervido por vez primeira en marzo do 2020 no HULA dunha estenose de canle na columna cervical, con mielopatía, en marzo de 2020. Dada a súa evolución, foi operado por segunda vez en abril do mesmo problema na zona lumbar. En maio do 2020 foi dado de alta por parte de Neurocirurxía do HULA, con prescrición de tratamento rehabilitador inmediato para acadar unha boa recuperación da súa mobilidade. Desde o servizo de recalcaron o carácter urxente do tratamento, que debía ser realizado no seu distrito sanitario”, relata o colectivo.
Con todo, prosegue, “o paciente non foi chamado ata que pasaron dous meses da súa alta, en xullo de 2020, data na que foi visto pola única facultativa rehabilitadora que existe no Hospital da Mariña, quen decide poñerlle prioridade alta. Malias as recomendacións da rehabilitadora o paciente segue sen ser chamado, polo que presentan reclamación en atención ao paciente sen que ata o momento lle deran solución á mesma”, indica a plataforma, que engade que desde o Servizo Galego de Saúde (Sergas) comunicáronlle “que agora xa depende do servizo de rehabilitación, máis en rehabilitación infórmannos de que é a dirección do hospital, a través dun comité, quen decide”.
O paciente e a súa filla presentaron unha reclamación o pasado 16 de novembro, con número de entrada 2786.
“NON É UN CASO ILLADO”, DI A PLATAFORMA
A plataforma remarca que o paciente está a recibir tratamento rehabilitador nunha entidade privada desde a súa alta hospitalaria e correndo cos gastos derivados do mesmo, “pois a recuperación da mobilidade depende da instauración precoz de rehabilitación”.
Segundo comenta o colectivo, “non se trata dun caso illado, e non é a primeira vez que se tramitan reclamacións desta índole. Temos constancia de que moita xente está a acudir a profesionais privados porque o Sergas non da solución axeitada aos seus problemas de saúde, deixándoos sen a atención que precisan. É por iso que esiximos que doten aos centros sanitarios públicos dos medios humanos e materiais suficientes para que a poboación sexa atendida como se merece, sen que ninguén se vexa obrigado a acudir a centros privados porque non están sendo atendidos na sanidade pública”, argumenta a plataforma.
O colectivo sanitario lembra que “existe unha normativa, a lei de garantías de prestacións sanitarias (lei 12/2013 , artigo 5), que o Sergas está a incumplir sistematicamente, obrigando a moita xente a pagar por asistencia sanitaria, xa que o sistema non é capaz de garantirlla, e mesmo está a causar na poboación enormes desigualdades, pois non todos poden pagar sanidade privada; é por iso que esiximos ao Sergas que cumpla coas as normativas, garantindo o cumplimento estrito dos prazos e atendendo ás prescripcións de prioridade ou urxencia, así como á gratuidade da prestación. “Cando un paciente se ve na obriga de acudir a un fisioterapeuta privado por falta de atención no sistema público, este deixa de ser gratuíto”, conclúe Montse Porteiro, a coordinadora do colectivo.