O secretario de CIG Saúde na Mariña, Xoán Bouza, volveu pedir a dimisión das cinco directivas do hospital de Burela, entre elas a directora do centro e a directora médica, que foron vacinadas a pasada semana e ás que se administrará a segunda dose estes días.
Bouza sinalou que este martes celebrouse unha reunión coa xerencia da área sanitaria de Lugo, na que se informou de que este mércores arrincará a segunda volta do plan de vacinación do persoal sanitario e non sanitario do hospital e de Atención Primaria. Así, aquelas persoas que foron vacinadas “recibirán a segunda dose estes días”, engadiu.
O sindicato “descoñece” se se produciu “algunha represalia” contra elas, tras solicitar a pasada semana a dimisión destas cinco directivas despois de que o xerente do área hospitalaria de Lugo, Ramón Ares, expuxese “para xustificar esa vacinación” que “facían traballo asistencial atendendo a pacientes”.
“Nós temos a instrución do Sergas e a instrución do Sergas é clara. E así eu non estou vacinado e teño outros compañeiros (do hospital de Burela) que tampouco o están porque non nos corresponde aínda”, argumentou.
Segundo CIG, as cinco directivas ás que se refire están facendo traballo asistencial pero “desde que se formulou a denuncia” e apelou á importancia de “dar exemplo” ante o resto da sociedade.
“A xerencia é a encargada de vixiar e planificar o plan de vacinación e o que non pode ser é que as persoas que teñen que vixiar ese plan de vacunación, sendo sabedoras de que non están incluídas nesa primeira fase, se vacinen; para nós é inadmisible que estean vacinadas”, concluíu.