O Pescados Rubén Burela FS informou a través dun comunicado de prensa de que prescinde do técnico alfocego Juanma Marrube, adestrador do primeiro equipo masculino. A directiva da entidade laranxa tomou unha “difícil decisión, moi meditada, co fin de atopar o revulsivo necesario para dar garantías aos obxectivos marcados para a tempada”.
Na nota, a entidade burelá asegura que Marrube representa “a gran esencia desta familia”, dado que “o sempiterno 8 laranxa ofreceu grandes tardes sobre o parqué”, posteriormente foi secretario técnico e finalmente asumiu as rendas do primeiro equipo masculino no 2017, logrando o regreso a Primeira División e outorgando dúas Copas Galicia para a vitrina burelista.
“Juanma demostrou sempre unha gran capacidade de dedicación, esforzo e profesionalidad. Chegou o momento de separar os camiños, aínda que este non pode ser un adeus. O Mariskal sempre terá estas portas abertas; novos proxectos poden reencontrarnos”, expuxo o club, que se despedirá este mércores nunha rolda de prensa.
O equipo burelao gañou o último partido xogado en Liga, 3-2 ante o Valdepeñas, cortando unha mala xeira de resultados. Actualmente é décimo terceiro, con 20 puntos, tres por riba do descenso.